A delegada salientou o papel fundamental que desempeñan as razas gandeiras autóctonas galegas na xestión e protección do territorio, así como o compromiso da Xunta de apoiar a súa conservación e impul
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu hoxe ao acto Mercado en Rural con Porco Celta, organizado pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) no Mercado de Elviña, unha iniciativa dirixida a poñer en valor as razas autóctonas galegas e achegalas á cidadanía.
A representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta valora estas razas por representar unha riqueza xenética única, un patrimonio inmaterial de gran valor e unha oportunidade para o desenvolvemento de novas gandarías extensivas desta raza, grazas á súa excelente adaptación ás condicións climáticas de Galicia. Belén do Campo lembrou que a Xunta de Galicia leva anos traballando no fomento das razas autóctonas mediante convenios de colaboración coas asociacións de criadores.
Apoio da Xunta ás razas autóctonas
A delegada salientou o papel fundamental que desempeñan as razas gandeiras autóctonas galegas na xestión e protección do territorio, así como o compromiso da Xunta de apoiar a súa conservación e impulso. Trátase, segundo indicou, dun respaldo á gandaría en extensivo, un modelo produtivo que contribúe a fixar poboación no rural, conservar a biodiversidade e xerar oportunidades económicas sostibles.
Neste contexto, Belén do Campo puxo en valor os convenios asinados en 2025 con distintas entidades para apoiar os criadores na conservación e recuperación destas razas mediante actuacións específicas. En total, estes acordos supuxeron un investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros ata o ano 2027. No caso de Asoporcel, asinouse un convenio por un importe de 436.850 euros destinado a financiar actividades de recuperación, conservación e fomento da raza Porco Celta.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural convoca anualmente axudas destinadas ás organizacións e asociacións de gandeiros para fomentar o uso das razas autóctonas galegas, cun orzamento global de 220.000 euros. Deste importe, 22.000 euros foron destinados anualmente a Asoporcel nos anos 2024 e 2025.
A finalidade destas subvencións é incrementar a rendibilidade das explotacións gandeiras, modernizar o sector primario galego en materia de xenética, sanidade e produción, así como mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e a calidade das producións.
Os gastos subvencionables inclúen os derivados da creación ou mantemento dos libros xenealóxicos, así como os relacionados coa implantación e desenvolvemento dos programas de cría oficialmente aprobados.
A delegada concluíu destacando que estes apoios non só contribúen á protección da biodiversidade, senón tamén á preservación do patrimonio natural galego e ao desenvolvemento económico do medio rural, favorecendo sistemas agrogandeiros máis resilientes e sostibles.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.