Monday 22 de December de 2025

Máis sombras que luces na iluminación de Nadal en Culleredo


– O nulo interese do goberno municipal por apoiar o comercio local provocou a demora de 12 días no acendido nas luces de Nadal.

– A empresa adxudicataria, a mesma dos últimos anos e a única que se presentou, vai cobrar a totalidade do orzamentado malia ese recorte no tempo efectivo de prestación do servizo.

– O Goberno municipal está instalado no abandono e no desinterese total polas súas responsabilidades.

Este mércores 17 de decembro por fin comezou a instalarse a iluminación de Nadal nas rúas de Culleredo. Un día antes o Goberno Municipal adxudicara a instalación do alumeado á única empresa que se presentou e que é a mesma que nos últimos anos.

O anuncio de licitación prevé que os elementos decorativos deben estar instalados na terceira semana de novembro e en funcionamento non máis tarde do primeiro venres de decembro. Previsións difíciles de cumprir cando o propio anuncio foi publicado o 26 de novembro, é dicer, cando xa debía estar instalada a iluminación.

Malia a imposibiliade de cumprir co contrato pola totalidade do tempo prevista, adxudícase sen nengunha rebaixa sensíbel no seu importe (77.000€ dos 77.139,30€ orzamentados) á única empresa que se presenta.

Non se entende como é que se vai abonar a totalidade do contrato cando o servizo prestado non vai durar todo o tempo estipulado no mesmo, debido á inoperancia do Goberno de José Ramón Rioboo. Segundo o contrato asinado, as luces deberían estar encendidas este ano o venres 5 de decembro, e foron acendidas ao tempo que se ían instalando o mércores 17.

O BNG recibiu queixas pola falta de promoción do comercio local, que fixo que a xente se desprazara visitar centros comerciais e outras localidades, por falta de colaboración do Goberno Municipal co comercio de proximidade.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño “o desgoberno municipal só se lembrou das luces de Nadal cando lle chegou aos ouvidos o descontento na rúa. Ese é o nivel de preocupación que teñen por promocionar o comercio local. Tampouco lles preocupa pagar un servizo que non se prestou, porque eles non pagan do seu peto. Están instalados no abandono e no desinterese total”.

Deja un comentario