O programa Cultura con Forza ofrecerá máis de vinte citas para todos os públicos incluíndo AMAL en Ruta, os Venres Culturais ou Primavera enDanza
Unha vez máis, Carballo ofrecerá durante o primeiro semestre do ano o mellor, o máis innovador e actual do panorama artístico e cultural de dentro e fóra de Galicia co teatro, a danza, a música ou o cinema como os principais protagonistas. Propostas para todos os públicos con nomes propios como Cándido Pazo, Carlos Blanco, Sarabela Teatro ou ButacaZero, entre outros moitos, encherán as fins de semana até o mes de maio no Pazo da Cultura. Aquí vos deixamos un pequeno avance do programa.
De entre todas as citas, hai que destacar a presenza de espectáculos como Iribarne: xira despedida, de ButacaZero. Despois do enorme éxito obtido no FIOT 2024, aclamada como unha das grandes montaxes do teatro galego dos últimos anos e logo de visitar teatros de toda España, Iribarne volve a Carballo para dicir adeus. A ritmo de comedia satírica e musical, Iribarne percorre os momentos máis significativos dunha figura imprescindible do noso pasado recente. A súa calidade converteuna na gran triunfadora nos XXIX Premios María Casares de 2025, con nove galardóns dos doce aos que optaba.
Así mesmo, Contraproducións visitará o Pazo da Cultura coa sua montaxe teatral máis recente en coprodución co Centro Dramático Galego, Memorias dun neno labrego. Cándido Pazó presenta unha nova versión teatral do libro do recoñecido autor galego Xosé Neira Vilas no X aniversario do seu pasamento, cuxa estrea será o próximo mes de xaneiro. Unha viaxe sentida e divertida polas lembranzas de Balbino, ese rapaz de aldea, que combina a experiencia de Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias.
Seguindo con propostas do teatro galego, Malasombra traerá á escena O proceso. Escrita e dirixida tamén por Cándido Pazó, ofrece unha hora e cuarto de diálogos brillantes, humor, cancións, poesía e emoción para contar dun xeito ameno un episodio moi significativo dun dos referentes históricos da nosa cultura, Curros Enríquez.
Sarabela Teatro trae por primeira vez á escena galega esta peza de Roland Schimmelpfenning, o autor alemán vivo máis representado, que ten levado as súas obras a máis de 40 países. O dragón de ouro aborda temas do debate social contemporáneo como a inmigración ilegal ou a prostitución forzada e recibiu catro galardóns nos XXIX Premios María Casares de 2025. O pasado setembro a compañía estreou a obra en castelán no prestixioso Teatro de La Abadía de Madrid, estando en cartel varias semanas.
Ademais, o popular actor e humorista Carlos Blanco ofrecerá o seu último monólogo, no que combina enxeño, observación e unha notable capacidade para conectar co público. Cun estilo único, a súa comedia xira arredor da vida cotiá, costumes e situacións coas que todos podemos identificarnos.
Por último, e coincidindo coa celebración en marzo do Día Internacional da Muller, o programa inclúe ese mes a representación de Vitoria, de Iria Pinheiro, unha historia autobiográfica sobre o acoso sexual.
A programación contará así mesmo coa estrea da coprodución do FIOT Territorio Regueifa, co ciclo de cinema euro árabe AMAL en Ruta, co ciclo de danza contemporánea referente en Galicia Primavera enDanza, con propostas para público infantil, exposicións e actividades paralelas que servirán para que Carballo ofreza unha vez máis o mellor e máis actual do panorama cultural.
Despois do Nadal presentarase o programa completo de actividades e tamén se informará das datas para a compra de entradas, que, coma sempre, incluirán a posibilidade de mercar bonos.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.