Friday 19 de December de 2025

O Concurso de Panxoliñas “María Angeriz Tuset” celebrarase mañá ás 18:00 horas na Casa da Cultura


Contarase coa participación de catro grupos e repartiranse preto de 2.000 euros en premios

A Casa da Cultura da Laracha acollerá mañá sábado a partir das 18:00 horas unha nova edición do concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset”.
O certame é organizado cada ano polo Concello e convídase a participar ás asociacións culturais e coros parroquiais do municipio. Faise no marco do programa municipal de Nadal cos obxectivos fundamentais de fomentar o espírito destas datas e apoiar economicamente ás entidades participantes.
Nesta ocasión haberá catro participantes: Asociación Cultural Santa María de Torás, Coro de Vilaño, Asociación Cultural Arume de Caión e a unión de coros As Salseiras de Caión e Xuvenil Santa María de Torás.
A dinámica do concurso será idéntica á das edicións anteriores. Cada grupo participante interpretará unha única panxoliña e o xurado decidirá os premios baseando a súa decisión en aspectos como a calidade musical e a posta en escena. Durante a deliberación, a espera será amenizada por Malabarian on the rox cun espectáculo de circo e humor.
Polo feito de participar, cada grupo ten garantida unha gratificación de 200 euros, á que se engadirá o galardón que acorde outorgar o xurado. Están establecidas catro categorías de premios dotadas con 400, 300, 250 e 200 euros respectivamente. Por tanto, prevese repartir en torno a 2.000 euros en premios.
A entrada á Casa da Cultura para asistir ao concurso como público é libre e gratuíta.

Deja un comentario