Friday 19 de December de 2025

Alfaia celebrará o seu festival de Nadal no 21 de decembro coa participación dun cento de nenos e nenas


 O Concello de Ribeira continúa apoiando as accións do tecido asociativo

A Asociación Cultural Alfaia celebrará neste domingo, 21 de decembro, ás 19.00 horas, o seu festival de Nadal no novo Auditorio municipal de Ribeira. Así, esta instalación municipal segue erixíndose como epicentro cultural da programación do Nadal 2025-2026.

A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que “este Auditorio municipal segue espallando cultura durante esta época máxica do ano e o noso tecido asociativo volve ser o protagonista. Quero agradecer, ademais, a implicación de Alfaia na programación do Nadal, pois o Belén Vivinte do 5 de xaneiro está coorganizado por esta entidade. Unha asociación que destaca polo seu dinamismo como se constata noutras datas significativas como, por exemplo, o Samaín.”

Un cento de nenos e nenas da entidade representarán numerosos bailes de diversos xéneros musicais durante a duración deste evento, que se estima nunha hora, como apuntou Carmen Pena, profesora de baile e directiva de Alfaia, quen tamén sinalou que se repartiron entradas entre as familias da rapazada participante, se ben aínda quedan asentos.

O acceso é gratuíto ata completar aforo e a apertura de portas será media hora antes do inicio do festival.

Deja un comentario