Uxía Lambona e a Banda Molona mandan a cativería para a casa cargada de enerxía
A rapazada de San Sadurniño empezou hoxe as súas vacacións de Nadal con moitísima marcha. De meterlles o ritmo no corpo ocupouse Uxía Lambona e a Banda Molona, que trouxo os seus grandes éxitos de sempre e tamén as novas cancións da xira “Un soño é…”.
O alumnado do CPI e o da EIM A Rolada pasárono de marabilla bailando e coreando “Astronauta sideral”, “Esto báilase así”, “Todo chimpín” e outras pezas moi coñecidas e moi, pero que moi rockeiras.
A actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona tivo lugar no patio cuberto do colexio público, como parte da colaboración municipal coa ANPA do CPI e coa comunidade educativa do centro de ensino. O espectáculo estivo patrocinado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A cativería e as familias teñen máis propostas de Nadal durante a fin de semana sen necesidade de saír de San Sadurniño. Tres en concreto, cos seguintes horarios:
Sábado, 19:00h: Ruada do Apalpador desde o CPI ata a Praza Ramón Díaz Raña, e despois obradoiro de adornos de Nadal e chocolatada na Casa da Cultura.
Sábado, 20:00h: Nadal na Lareira en Naraío -organizado por O Castelo de Narahío-, coa actuación da Maga Fani, visita do Apalpador, chocolatada e foliada final.
Domingo, 12:00h: Festival de Nadal do alumnado de Xoán Leis, na Casa da Cultura con entrada libre.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.