Friday 19 de December de 2025

Arrincan os talleres de Nadal nos centros cívicos, con visitas de Papá Noel


Celebraranse do 20 ao 23 de decembro con inscrición previa no propio centro

Do sábado 20 ao luns 23 de decembro o Concello organiza talleres de Nadal e visitas de Papá Noel nos centros cívicos dos diferentes barrios da cidade. “O obxectivo desta iniciativa é que os máis pequenos podan levar a cabo actividades vinculadas co Nadal nestes días de inicio de vacacións, seguindo a aposta do Goberno de Inés Rey por ofrecer á cidadanía unha oferta de conciliación nos espazos municipais”, indicou Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade.

Estes talleres de Nadal, que contarán tamén con visitas de Papá Noel aos diferentes espazos, están destinados a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade e celebraranse en todos os centros cívicos da cidade. A inscrición está aberta e pode realizarse no propio centro. En cada centro realizaranse dous talleres diferentes que poden tratar sobre elaboración de máscaras de Papá Noel, adornos de Nadal ou marcos decorativos.

Este sábado 20 celebraranse talleres nos centros cívicos municipais de Feáns (10.30), Artesáns (11.00) e Castro de Elviña (11.00 horas). O domingo 21 será a quenda de Pescadores (16.00), A Silva (17.00) e O Birloque (17.00 horas). O luns 23 pecharán os talleres Santa Lucía (10.00) e Sagrada Familia (11.00 horas).

Paralelamente, continúan este sábado 20 as actividades da Casa dos Xoguetes, con talleres e actividades para nenos e nenas de 4 a 10 anos entre as 11.00 e as 12.55 horas. A programación completa pode consultarse na páxina web da Casa dos Xoguetes.

‘El show de Bluey’, no Coliseum
Por outra banda, este sábado pecharase a actividade no 2025 do Coliseum con tres funcións de ‘El show de Bluey’. O espectáculo está baseado na serie de televisión australiana ‘Bluey’, de grande éxito entre o público infantil. Os pases serán ás 12.00, 16.00 e 18.30 horas e aínda quedan entradas dispoñibles en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Deja un comentario