Friday 22 de November de 2024

Máis de 160 postos participarán en ExpoOrdes 2016


A nova edición da feira multisectorial e de maquinaria agrícola será do 22 ao 24 de abril. O último día terá lugar a XXVII Degustación do Champiñón, no que se repartirán arredor de 2000 quilos deste tipo de cogomelos

A Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola ExpoOrdes 2016 contará este ano con más de 160 postos dedicados a diversas actividades. Durante os días 22, 23 e 24 de abril a vila ordense contará con máis de 3000 metros cadrados de exposición situados no céntrico Campo da Feira. Alí poderase coñecer de primeira man as últimas novidades en alimentación, automoción, construción, moble, medio ambiente, enerxías renovables, deportes, mecánica, agro, téxtil etc, así como o traballo desempeñado por institucións como o Concello e a Mancomunidade de Ordes, ademais do de distintas asociacións que ofrecen o seu servizo e apoio en diversas áreas.

Como novidade este ano o Concello de Ordes organiza paralelamente o I Salón Moda & Eventos. Unha cita que terá lugar no pavillón Campomaior e na que xa teñen confirmada a súa asistencia máis de 30 establecementos comerciais. Roupa, calzado, cócteles, restauración, ambientacións musicais, viaxes, decoración, agasallos, bixutería, hoteis, fotografía, beleza, animacións e todo o relacionado coa organización de eventos e celebracións terá cabida nun espazo especialmente habilitado para a ocasión.

Unha vez máis o cooperativismo gozará dun protagonismo relevante. O Consello Galego de Cooperativas estará representado por marcas dedicadas a sectores como o vinícola, pesqueiro, agrícola, lácteo, conserveiro e incluso do ámbito das consultoras.

Outro aliciente para os visitantes desta edición será a exposición fotográfica ‘Galicia Máxica’. Trátase dunha ampla colección centrada na súa maioría nas parroquias de Ordes, que sintetiza o traballo etnográfico realizado polo investigador danés Gustav Henningsen nos anos 1965 e 1968.

Máis de 30 postos artesáns
Na mesma fin de semana a Alameda de Ordes será escenario para unha da citas artesanais máis destacables da provincia. Máis de 30 creadores e artesáns teñen confirmada a súa asistencia para dar a coñecer e poñer á venda pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, produtos de alimentación, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e adultos, agasallos, sacos térmicos con sementes e elementos naturais, patchwork…

O programa arrancará o venres 22 de abril coa inauguración do recinto feiral a partir das 20.30 horas a cargo do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López. Un día que estará dedicado especialmente aos empresarios e autónomos da zona.

Xa o sábado día 23 a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaparará o protagonismo cunha xornada temática na que participarán os alcaldes de cada un dos sete concellos que a conforman. (Ordes, Frades, Mesía, Tordoia, Trazo, Cerceda e Oroso).

O domingo 24 de abril Ordes vivirá a súa xornada máis festiva grazas á XXVII Degustación do Champiñón. Unha convocatoria gastronómica que se estenderá por todos os bares, restaurantes e todo tipo de establecementos hostaleiros que repartirán de balde tapas e racións elaboradas con máis de 2.000 quilos deste tipo de cogomelos.

Poñendo a nota musical nesta nova edición de ExpoOrdes contarase cos grupos de gaitas Os Viqueiras de Ordes e Os Pelexos, a Banda de Música de Ordes e a charanga Ruada.com.