• A convocatoria foi anunciada onte na última xunta directiva provincial do ano
• “Culleredo necesita un cambio serio, responsable e centrado nos veciños”
O Partido Popular de Culleredo celebrará o 28 de febreiro de 2026 o seu Congreso Local, de carácter asembleario, para elixir á nova dirección do partido e reforzar un proxecto político cunha vocación clara: converterse na alternativa de goberno que Culleredo necesita. A convocatoria foi anunciada onte polo Comité Executivo Provincial do PP da Coruña, durante a última xunta directiva provincial do ano.
A portavoz municipal do PP de Culleredo, Izaskun García, optará á presidencia local e a continuar liderando un proxecto que aspira a gobernar o concello: “Este congreso é unha oportunidade para reforzar o equipo, abrir unha nova etapa de impulso e consolidar unha alternativa sólida, preparada e de goberno”.
Izaskun García defende a necesidade dun cambio político baseado na xestión, a proximidade e a responsabilidade. “Culleredo non pode permitirse máis tempo perdido nin decisións sen rumbo. Necesita un goberno que escoite, que planifique e que traballe pensando no interese xeral. O noso obxectivo é ofrecer unha alternativa seria, crible e centrada en resolver os problemas reais dos veciños”, afirma.
A dirixente popular aposta por un PP de Culleredo máis forte, máis unido e máis conectado coa rúa. “Queremos un partido que estea presente en todas as parroquias, que coñeza os problemas de primeira man e que transforme as necesidades dos veciños en propostas concretas. Un proxecto útil para hoxe e preparado para o futuro”, sinala.
Desde o PP de Culleredo destacan que o Congreso Local será un proceso aberto e participativo, orientado a fortalecer a organización e a construír unha maioría social que permita un cambio real no concello. “Imos facer este proceso con participación, con unidade e con sentido de responsabilidade. Queremos saír deste congreso máis fortes, máis preparados e cun proxecto claro para gobernar Culleredo”, asegura a portavoz popular.
En canto ao calendario, o prazo de presentación de candidaturas e avais ábrese hoxe e estenderase ata o 2 de xaneiro de 2026. Tras a verificación da documentación presentada, a proclamación de candidaturas terá lugar o 3 de xaneiro. A data límite para presentar a candidatura completa, coa relación de vogais do comité executivo, será o 9 de xaneiro.
O Comité Organizador do Congreso do PP de Culleredo estará integrado por Marco Antonio Pazos Regueiro, como presidente; José Juan Carballo Barca, como vicepresidente; Rocío Vales Sánchez, como secretaria; e Laura *Ínsua Regueiro e Alejandro García Sánchez, como vogais.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.