Friday 19 de December de 2025

O Concello de Fene e Navantia asinan un convenio para crear un novo espazo recreativo en Barallobre


A empresa cede por catro anos -prorrogábeis- unha parcela no Camiño do Carril para uso público da veciñanza

O futuro espazo, situado ao pé do Campo de Fútbol do Ramo, contará cun itinerario peonil accesíbel e unha área de descanso con vistas á ría

O Concello de Fene e Navantia veñen de asinar un convenio de colaboración para a cesión temporal dunha parcela propiedade da empresa naval no Camiño do Carril, na parroquia de Barallobre, co obxectivo de crear un novo espazo recreativo ao servizo da veciñanza. O acordo foi asinado pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e pola directora de Navantia, Carla Chawla, e terá unha vixencia inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga.

A parcela, situada ao carón do campo de fútbol do Ramo e fronte á marxe sur da ría de Ferrol, será acondicionada como unha área para o lecer e a realización de actividades ao aire libre, cun marcado carácter accesíbel e pensada para o uso de persoas de todas as idades. O proxecto contempla a execución dun itinerario peonil e a instalación dunha zona de descanso dotada de mesas de picnic e bancos, aproveitando a súa localización privilexiada con vistas ao mar.

A actuación busca converter este ámbito nun novo punto de encontro e desfrute para a veciñanza, promovendo hábitos de vida saudábeis e fomentando a actividade física, especialmente entre a poboación máis nova, como ferramenta para combater o sedentarismo. Ao mesmo tempo, prevese que este novo espazo funcione como polo de atracción de persoas procedentes de outros concellos da contorna, reforzando o uso social e recreativo da zona.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a importancia do acordo e agradeceu a colaboración de Navantia. “Este convenio é un exemplo da boa sintonía e da colaboración institucional entre o Concello e Navantia, que permite poñer en valor espazos estratéxicos para o uso público”, sinalou. Permuy subliñou tamén que “a cesión desta parcela supón unha gran oportunidade para crear un novo espazo de encontro, aberto e accesíbel, que mellore a calidade de vida da veciñanza e reforce as relacións sociais nun entorno privilexiado como é a ría”.

Desde o goberno local incídese en que esta actuación encaixa na estratexia municipal de recuperación e mellora dos espazos públicos, apostando por áreas de lecer inclusivas, interxeracionais e integradas no territorio, que contribúan a facer de Fene un concello máis activo e saudábel.

Deja un comentario