Thursday 18 de December de 2025

San Sadurniño benefíciase dunha axuda de algo máis de 5.000 euros para impulsar a creación dunha comunidade enerxética


O Concello de San Sadurniño acaba de recibir unha axuda por valor de 5.372,40 euros para financiar os estudos preliminares e o asesoramento na posta en marcha dunha comunidade enerxética no municipio. A achega, financiada con fondos europeos Leader canalizados pola AGADER a través da asociación de desenvolvemento SEITURA 22, permitirá custear os algo máis de 7.200 euros que se investirán nos traballos técnicos, accións informativas e no acompañamento ás persoas interesadas na iniciativa. Trátase dun paso clave para darlle continuidade ao interese veciñal expresado aló polo mes de maio nunha charla organizada polo Concello para informar das vantaxes e fórmulas organizativas deste modelo de produción enerxética colectiva. O obxectivo, en último caso, é impulsar en San Sadurniño un proxecto fotovoltaico que combine paneis en espazos públicos e privados.

O proxecto presentado polo Concello á convocatoria de axudas do Leader titúlase “Estudo para un proxecto de comunidade enerxética local no Concello de San Sadurniño” e céntrase exclusivamente -como indica o propio título- nos estudos, proxectos e honorarios técnicos necesarios para avaliar a viabilidade da comunidade e acompañar ao Concello e á veciñanza implicada no proceso da súa creación.

Esta axuda encaixa coa folla de ruta iniciada o pasado mes de maio, cando a Casa da Xuventude acolleu unha charla informativa sobre comunidades enerxéticas a cargo do experto en eficiencia enerxética e parlamentario do BNG Xosé Manuel Golpe Acuña. Naquel encontro explicáronse, dun xeito didáctico e accesible, os aspectos legais, técnicos e organizativos deste tipo de iniciativas, así como os aforros económicos e beneficios ambientais que poden supor para fogares, pemes e entidades locais.

Durante a xuntanza quedou patente o interese real de varias persoas en impulsar unha comunidade enerxética en San Sadurniño, sempre que existise dinamización e apoio por parte do Concello. Precisamente ese é o fin principal da axuda agora concedida: financiar os estudos previos, informar á veciñanza, analizar posibles emprazamentos para instalacións fotovoltaicas e acompañar os primeiros pasos organizativos, como a definición da fórmula xurídica máis axeitada.

Tal e como se explicou na charla de maio, as comunidades enerxéticas son entidades colectivas de base social —normalmente asociacións ou cooperativas— que permiten producir e consumir enerxía de maneira compartida, reducindo a dependencia das grandes eléctricas, a pegada de carbono e a factura da luz. En Galicia, a implicación das administracións locais considérase un factor clave para que estes proxectos cheguen a bo porto, especialmente nun territorio marcado pola dispersión da poboación.

O alcalde, Secundino García Casal, xa avanzara daquela a vontade do Executivo local de implicarse activamente neste modelo alternativo, promovendo encontros informativos nas parroquias e actuando como motor inicial da iniciativa. A concesión desta axuda permite agora pasar da fase divulgativa á fase técnica, coa intención de crear unha base sólida e participativa sobre a que construír a futura comunidade enerxética local.

Deja un comentario