Thursday 18 de December de 2025

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes participaron na presentación María Sampedro destaca a Ruta do Nadal BTT como unha cita que une deporte e paisaxe


 A proba deportiva disputarase no 28 de decembro

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto co concelleiro de Deportes, Álex Vidal, participaron hoxe na presentación da XV Ruta do Nadal BTT que organiza a Concellería de Deportes coa colaboración da Asociación de Veciños de Carreira, Arousa NeO, Os Saltamontes, Sportbike e Dalle Pedal.

Trátase dunha cita deportiva xa consolidada no calendario deportivo local que agarda reunir a 300 participantes no domingo, 28 de
decembro, a partir das 09.00 horas, con saída e chegada establecida no Complexo Deportivo da Fieiteira. Poderase elixir entre dous percorridos: o de 30 ou o de 40 quilómetros, con diferentes niveis de dificultade: arredor de 800 metros positivos na de 30 km e algo máis de 1.000 m na de 40 km.
“O Nadal en Ribeira é sinónimos de cultura, pero tamén de deporte. Son varias as citas que se desenvolverán nestas semanas e unha das máis significativas é esta Ruta do Nadal BTT; unha ruta cicloturista non competitiva que posibilitará ás persoas participantes desfrutar dos nosos recursos naturais sobre dúas rodas ao tempo que se practica deporte. Este evento desenvólvese grazas ao establecemento de sinerxías entre o Concello de Ribeira e asociacións do noso municipio. Unha das múltiples cuestións das que podemos presumir é do noso forte e dinámico tecido asociativo que se implica os 365 días do ano para dinamizar o noso concello. E un claro exemplo atopámolo aquí. Ademais, no operativo de seguridade contaremos coa Policía local e GAEM de Ribeira para o correcto desenvolvemento da proba”, segundo manifestou a rexedora.

Tamén se pronunciou o edil, para quen “esta ruta é unha maneira diferente de desfrutar do Nadal. O Concello de Ribeira organiza este evento na senda de seguir dinamizando o deporte en tódalas disciplinas ao longo do ano, fomentando así a actividade física e hábitos de vida saudables. Durante o percorrido habilitaranse dous puntos de avituallamento para repoñer forzas.”

Pola súa parte, Eduardo Iglesias e Juan Santos, en representación de Arousa NeO e Os Saltamontes, respectivamente, destacaron as paraxes polas que discorrerá o itinerario. Haberá novidades nalgúns tramos como en Palmeira, Artes ou Carreira.

A recollida de dorsais efectuarase antes do inicio da ruta, de 08.00 a 08.45 horas. As inscricións formalizaranse a través da páxina web
www.galitiming.com e o prazo de inscrición remata no 23 de decembro, ás 12.00 horas. A cota para anotarse establécese nos 10 euros.

Ao ser unha proba non competitiva, non haberá ningún tipo de clasificación. O que si se publicará, a título informativo, é un listado de participantes chegados a meta, por orde alfabética e co tempo realizado.

Deja un comentario