Están a ser retirados tras dar aviso á Guardia Civil e ao Seprona.
O Concello está a proceder á retirada de media ducia de porcos mortos que apareceron na parroquia de Coiro. Foi un particular quen alertou da presenza de varios cadáveres de animais no leito do regato situado á altura da ponte no cruce de Ramisquido da estrada local que comunica Paiosaco coa AC-523. Unha vez recibida esa comunicación, persoal municipal desprazouse ao lugar para facer as comprobacións oportunas, confirmando a presenza dos porcos sen vida.
De maneira inmediata, o Concello puxo a situación en coñecemento tanto do posto da Guardia Civil da Laracha como do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), activando os protocolos correspondentes. Así mesmo, solicitouse a retirada dos animais á empresa Gesuga co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria e ambiental da zona.
O Concello expresa a firme condena desta actuación totalmente irresponsable e inaceptable que supón un atentado contra o medio natural e que podería implicar un grave risco medioambiental e para a saúde pública, ademais de supoñer un desembolso para as arcas municipais pola complexidade da retirada dos animais e a posterior xestión.
Ao mesmo tempo, o Concello agradece a colaboración da persoa que deu aviso da situación, xa que a súa comunicación permitiu unha actuación municipal inmediata e eficaz evitando consecuencias potencialmente máis graves, ao mesmo tempo que solicita a cooperación cidadá para achegar información sobre os feitos.
O Concello continuará colaborando coas autoridades competentes para o esclarecemento do sucedido e para que se depuren as responsabilidades que correspondan.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.