Thursday 18 de December de 2025

O PP denuncia o colapso do Concello e o peche da atención telefónica: “Rioboo silencia as queixas dos veciños no canto de reforzar os servizos”


• Alertan de que o informe advirte tamén de que este mes podería pecharse unha das dúas oficinas de Rexistro se non se incorporan traballadores

• Izaskun García, portavoz popular: “Levámolo anos denunciando: o Concello está paralizado e agora certifícao o propio secretario municipal”

O Partido Popular de Culleredo alerta do colapso que sofre o Concello pola falta de persoal, tras coñecerse un informe do secretario municipal que fala dunha “situación insostible” e no que o propio secretario chega a indicar que non se fai responsable do “funcionamento anormal” dos servizos municipais. Segundo recolle ese escrito, a carencia de persoal vén trasladando desde o ano pasado ao alcalde, José Ramón Rioboo, e á concelleira de Persoal, Marta Figueroa, pero non se reforzaron os servizos nin se cubriron baixas nin xubilacións, o que levou a unha xestión “a base de improvisación permanente”.
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, sinala que as consecuencias xa as sofren os veciños: expedientes que se eternizan, trámites bloqueados e servizos que non se poden responder en prazo. “Levamos anos denunciándoo: o Concello está paralizado por falta de persoal e o goberno local non pon solucións. Agora confírmao o propio secretario cun informe moi serio”, afirma.
O PP pon o foco no peche da oficina de atención telefónica ao cidadán, apenas tres meses despois da súa posta en marcha. “Pechar un servizo que funcionaba e que achegaba o Concello aos veciños non é xestionar. Se chegaban queixas e problemas, o que tocaba era escoitalos e resolvelos, non tapalos”, di García, que acusa a Rioboo de falta de transparencia: “O alcalde silencia as queixas dos veciños no canto de reforzar os servizos”.
Os populares consideran tamén “gravísimo” que o informe advirta de que, se non se incorpora persoal, podería pecharse en breve una das dúas oficinas de Rexistro, o que complicaría aínda máis trámites básicos como o padrón ou rexistrar escritos, solicitudes ou reclamacións.
#Ante as declaracións do Concello asegurando que a escaseza de persoal “está a liquidarse aos poucos”, o PP responde que unha OPE pode ser necesaria, pero “non substitúe a planificación nin resolve o colapso da atención diaria”.
Por iso, o PP rexistrará preguntas para o próximo pleno para esixir explicacións a Rioboo e á concelleira Figueroa –xa reprobada polo pleno hai dous anos pola sanción ao arquitecto municipal, revogada polos tribunais– sobre o peche da oficina de atención telefónica, as medidas inmediatas para evitar o peche dunha das dúas oficinas de rexistro e o plan de cobertura de baixas e xubilacións e reforzo real dos servizos municipais. “Culleredo necesita un Concello que funcione, que dea a cara e que atenda ao veciño. E iso esixe planificación, transparencia e reforzos reais: non apagar teléfonos”, afirma Izaskun García.

Deja un comentario