— Román Rodríguez destaca o valor deste programa para favorecer o traballo en grupo e as competencias lingüísticas do alumnado
— Alumnos de 5º e 6º de Primaria de 24 centros con emisora participan na xornada en obradoiros e teñen a posibilidade de entrevistar a profesionais do sector
— Un total de 245 colexios e institutos desenvolven este curso a iniciativa
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá no primeiro encontro de centros participantes no programa Radio na biblio, impulsado polo departamento educativo da Xunta de Galicia. A xornada reúne hoxe na Cidade da Cultura 650 escolares de 5º e 6º de Primaria e docentes que participan nas emisoras dos seus respectivos centros. O obxectivo é poñer en valor o traballo de alumnado e profesorado neste eido e destacar o papel da radio como ferramenta formativa.
Román Rodríguez subliñou o valor do programa Radio na biblio para favorecer as competencias lingüísticas dos estudantes e, sobre todo o traballo en grupo, o que promove unha boa convivencia entre os diferentes membros da comunidade educativa. No transcurso da xornada, presentada pola xornalista Esther Estévez, un grupo de rapaces do Colexio de Petelos (Mos) entrevistou tanto ao conselleiro como á piragüista Teresa Portela e ao divulgador Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista.
Ademais, os alumnos asistentes teñen a oportunidade de coñecer a profesionais do sector, de maneira que poden achegarse ao funcionamento dos medios de comunicación reais. Para iso, alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober) e do CEIP Plurilingüe Nosa Señora de Xuvencos (Boborás) entrevistan a Kike Magdalena (Radio Galega), Andrea Oca (Radio Nacional), Mario Moreno (Cadena SER), Ignacio Capeáns (Onda Cero), Patricia Iglesias (COPE) e Eva Millán (Radio Voz).
O encontro inclúe a celebración de obradoiros simultáneos de teatro radiofónico, laboratorio de radio e locución e expresión oral. Impártenos o actor Artur Trillo, os xornalistas Sergio Pascual e Susana Bastón e as actrices e escritoras Cris Collazo, Soledad Felloza e Charo Pita.
Centros participantes
Pola provincia da Coruña participan os colexios CEIP Plurilingüe A Cristina (Carballo), CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), CEIP Plurilingüe da Rabadeira (Oleiros), CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela) e CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro); mentres que pola de Lugo o fan os CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño (Begonte), CEIP de Cervo (Cervo), CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito), CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos (Monforte de Lemos) e CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober).
Da provincia de Ourense asisten os CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (Barbadás), CEIP Plurilingüe Nosa Señora de Xuvencos (Boborás), CEIP O Couto (Ourense), CPI Plurilingüe José García García (Ourense) e CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía); mentres que pola de Pontevedra o fan os CEIP de Corvillón (Cambados), CEIP do Foxo (A Estrada), CEIP Valle-Inclán (O Grove), CEIP Plurilingüe As Covas-Meaño (Meaño), CEIP de Petelos (Mos), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e CEIP Ramón de Valenzuela (Silleda).
Un programa consolidado
O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros.
Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de bibliotecas escolares, co reforzo de programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.