Thursday 18 de December de 2025

A Xunta anima a solicitar as axudas para coidadores de gando e pon en valor que desde 2023 xa permitiron contratar 75 persoas para previr os ataques do lobo


— Ángeles Vázquez indica a Xunta destinará en 2026 preto de 570.000 euros a esta iniciativa que ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses

— Indica o Goberno galego mantén o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e a conservación do lobo en Galicia

— Tamén está aberto o prazo para solicitar as axudas para paliar os danos que provoca o lobo sobre o sector agrogandeiro, que no ano 2026 contan cun orzamento de preto de 600.000 euros

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe a solicitar a axudas para contratar persoas coidadoras de gando como medida de prevención ante os ataques do lobo.
Segundo explicou a conselleira durante a súa visita a unha explotación de gando ovino en Carral, esta é a cuarta ocasión na que se convoca esta liña de axudas e cada ano son máis as explotacións gandeiras que presentan as súas solicitudes. De feito, nestes anos xa se contrataron 75 persoas con cargo a estes apoios que supuxeron unha achega total de 1,3 millóns de euros desde 2023.
Nesa liña, Ángeles Vázquez indicou a Xunta destinará en 2026 preto de 570.000 euros a esta iniciativa que ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.
En concreto, esta orde de axudas, cuxo prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto, diríxese a titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no REGA, a través desta orde subvencionarase a inversión realizada na contratación dunha persoa coidadora do gando, limitada a un coidador por solicitante.
Os gandeiros poden acceder a unha subvención de ata 16.500 euros e solicitar o pago dun anticipo de ata o 50% do importe concedido. O importe da axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables aínda que se fixa un límite de 16.500 euros por beneficiario. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa.
Tal e como subliñou Ángeles Vázquez, o Goberno galego mantén o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e a conservación do lobo en Galicia. De feito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destina 360.000 euros a outra liña de axudas para a prevención dos danos que causa esta especie de fauna silvestre na Comunidade.
Neste caso, son subvencionables a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada. Ademais, nas vindeiras semanas a Xunta publicará unha nova convocatoria das axudas destinadas a sufragar os custos derivados da instalación de valados fixos.
Axudas para paliar os danos causados polo lobo
Así mesmo, os gandeiros poden solicitar tamén xa as axudas para paliar os danos que provoca o lobo sobre o sector agrogandeiro, que no ano 2026 contan cun orzamento de preto de 600.000 euros. Estas achegas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable.
A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación.

Deja un comentario