O certame, aprazado en agosto pola choiva, contará coa participación de Cántigas da Terra, Son d’aquí, Xacarandaina, Aturuxo e Donaire
Este domingo 21 de decembro, ás 19.00 horas, o Teatro Colón acollerá a celebración da Gran Noite do Folclore, un certame de música e baile tradicionais galegos que se enmarca dentro da programación da Romaría de Santa Margarida e que tivo que ser adiado o pasado mes de agosto pola choiva.
“Dentro das políticas de exaltación da cultura galega que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey, tíñamos claro que a Romaría de Santa Margarida é un dos grandes símbolos que temos na cidade, e por iso quixemos recuperar esta gala tan especial e levala a un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A Gran noite do Folclore, con acceso de balde ata completar capacidade, estará presentada pola reguefeira Lupe Blanco e contará coas actuacións, por orde, de Cántigas da Terra, Son d’aquí, Xacarandaina, Aturuxo e Donaire. Participarán máis de 200 persoas e terá unha duración aproximada de dúas horas, nas que as diferentes asociacións participantes deleitarán ao público con diferentes pezas de música e baile galegos.
“Este será un acto perfecto para pechar un ano tan especial, dedicado ás cantareiras e que desde o Goberno de Inés Rey acompañamos con diferentes iniciativas, como a Festa das Letras, durante os festexos polas Letras Galegas”, engadiu Gonzalo Castro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.