A veciñanza de Amil continúa a denunciar o mal estado da beirarrúa de titularidade autonómica, da estrada AC214, que une Amil co centro da Vila.
Trátase dun problema sen resolver que se suma ao mal estado das estradas de titularidade municipal da zona. Situacións que dende Alternativa se veñen reclamando por diferentes vías aos sucesivos gobernos municipais dos últimos anos, sen que ata agora se teñan ofrecido solucións efectivas.
A realidade actual na AC214 é que a veciñanza carece dunha alternativa segura para acceder a pé ao centro da vila, a pesar de atoparse a apenas 500 metros da Casa do Concello. Nun dos marxes da estrada a beirarrúa non ten continuidade ata o núcleo urbano, no outro, existe paso de peóns, nin as condicións mínimas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños infantís.
Esta situación xera un risco para a seguridade viaria, xa que obriga diariamente á veciñanza a circular pola propia estrada, neste tramo con elevado volume de tráfico. A isto engadese á situación do deterioro e abandono das vías municipais que forman o rueiro de Amil.
Alternativa reclamará novamente medidas para unha ordenación do tráfico na zona que mellore a seguridade viaria.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.