Wednesday 24 de December de 2025

O goberno municipal nega o acceso á información sobre o proceso selectivo dunha enxeñeira industrial


– O BNG solicitou o acceso ao expediente do proceso selectivo para unha praza de Enxeñeira Industrial, que lle foi denegado.

– Tanto a lexislación como a xurisprudencia recollen o dereito dos concelleiros e concelleiras a ter plena información dos asuntos municipais, para poder fiscalizar a actuación do Goberno.

– A tentativa de dificultar o acceso ao expediente e de ocultar o seu contido non fai máis que agrandar as sospeitas existentes.

O Goberno Municipal de Culleredo denegou ao voceiro nacionalista Tono Chouciño o acceso á información contida no expediente do proceso selectivo dunha praza de Enxeñeira Industrial.

Tanto a Lei de Bases de Réxime Local, como a Lei de Transparencia e Bo Goberno, como a xurisprudencia do Tribunal Supremo recoñecen o dereito dos membros do Pleno a fiscalizar as actuacións municipais, para o que poden acceder á información existente nos servizos municipais.

No proceso selectivo obxecto da petición de infomación sucédense un cúmulo de circunstancias que fan preciso a supervisión do proceso. Entre estas circunstancias está o feito de que a persoa finalmente proposta teña responsabilidades nunha das empresas sinaladas polo Consello de Contas por prácticas irregulares nas proximidades das eleccións municipais de 2023.

Tamén se dá a circunstancia de que o procedemento selectivo foi declarado deserto e retomouse logo da reclamación desa mesma persoa, que fora a que sacara a menor puntuación no primeiro exercizo, e da substitución do tribunal que levaba o proceso.

Un dos extremos que se pretende comprobar é a existencia dun informe do actual Secretario Municipal, co seu voto particular en contra da resolución do procedemento.

Para o voceiro nacionalista “é preciso coñecer de quen partiu a decisión de non permitirnos o acceso á informacion solicitada, dada a gravidade do caso. Contamos co aval da lexislación e da xurisprudencia. A tentativa de ocultarnos o contido do expediente non fai máis que agrandar as sospeitas existentes”.

Deja un comentario