Saturday 16 de November de 2024

A Aula CeMIT de San Sadurniño continúa coa súa programación de videoconferencias especializadas nas TIC


Ademais do seu labor básico de alfabetización para reducir a denominada “fenda dixital”, a Aula CeMIT de San Sadurniño tamén ofrece formación máis especializada para profesionais ou quen teña interese nas novas tecnoloxías da información e do coñecemento. Por iso se están organizando charlas a través de vídeoconferencia impartidas por persoas expertas en distintos campos das TIC. As próximas desensvolveranse o próximo martes 19 de abril e tamén o mércores 27. Ocuparanse da ciberseguridade, de analítica web e dos servizos de rede baseados na identidade dos usuarios e usuarias. Os obradoiros precisan inscrición previa, que se pode facer na web cemit.xunta.es, a través do correo cemit.sansadurnino@xunta.es ou chamando ao 616 016 793.

A xornada máis intensa será a do martes 19 debido a que nese día se concentran dúas sesións formativas. A primeira proponse como un foro sobre ciberseguridade que se emitirá desde a Cidade da Cultura entre as 9.30 e as 13.30h. Nel falarase de como analizar a vulnerabilidade de equipos en rede, dos distintos tipos de malware e o xeito en que atacan e, por último, sobre como protexerse deles.

Pola tarde, entre as 16 e as 20.00h., o contido cambia para falar da analítica web como técnica de mercadotecnia, co obxectivo de facilitar coñecementos sobre como posicionar unha web ou un produto diante do seu público obxectivo. Para iso falarase da ferramenta Google Analytics, que permite identificar non só o número de visitas dunha web, senón tamén os hábitos de navegación e outros datos de interese. O relator da conferencia será Óscar Pásaro, quen conectará con San Sadurniño desde o CDTIC de Santiago.

A terceira sesión especializada terá lugar tamén na Aula CeMIT o mércores seguinte, día 27, cun seminario sobre o servizo de rede baseado na identidade do usuario/a e as súas contornas de aplicación. Javier Novoa impartirá a charla afondando na tecnoloxía IBNS, acrónimo de Identity-Based Networking Service, ou o que é o mesmo, a tecnoloxía que permite manter a seguridade nos accesos a distintos servizos existentes en rede.

Cursos propios da Aula CeMIT
Canda estas sesións especializadas, a Aula CeMIT de San Sadurniño continúa ofrecendo os seus cursos habituais. Para maio e xuño ten programados dous. O primeiro, titulado “Aprende a usar o smartphone”, desenvolverase entre o 2 e o 13 de maio os luns, mércores e venres polas mañás, de 10 a 12.00h. Como indica o propio título, este curso mostrará como manexar e configurar os novos teléfonos móbiles intelixentes: a axenda, a cámara, correo electrónico, conexión a internet, whatsapp, etc.

O segundo curso durará do 30 de maio ao 10 de xuño co mesmo horario e os mesmos días. Neste caso traballarase sobre a creación de presentacións co programa LibreOffice Impress, un aplicativo gratuíto e lixeiro que se pode descargar de internet e que ofrece as mesmas prestacións que programas de pagamento como o Power Point.

Para participar nestes cursos ou para ampliar información só hai que pasar pola Aula CeMIT, situada no primeiro andar da Casa da Cultura. Outra opción é enviarlle un correo a cemit.sansadurnino@xunta.es ou chamar ao 616 016 793.