O Concello de Neda destinará a subvención do POS + Adicional 1/2026 da Deputación da Coruña a realizar gastos de emerxencia social e, fundamentalmente, a facer fronte á achega municipal do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia. Así, o decidía o pleno da corporación, que aprobaba onte o reparto dos 44.416 euros asignados para gastos sociais extraordinarios de cara ao ano que está a piques de arrincar.
Así, a administración local destinará preto de 14.500 euros desta cifra global a dotar as partidas municipais orientadas a paliar situacións de emerxencia social da veciñanza. Así, os fondos servirán para a cobertura de necesidades básicas (vivenda, alimentación, educación, gastos farmacéuticos…) de familias da localidade que se atopan en situacións de vulnerabilidade e acudan aos Servizos Sociais en busca de axuda.
Con todo, a maior parte da subvención da Deputación da Coruña (un total de 30.000 euros) utilizarase para a dotación das partidas municipais destinadas a cubrir a parte da aportación municipal ao Servizo de Axuda no Fogar, programa socioasistencial fundamental para facilitar que moitos maiores nedenses, que presentan problemas de autonomía persoal, poidan permanecer nos seus domicilios.
A proposta de reparto dos fondos do POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios, elevada ao pleno polo goberno local, foi aprobada por unanimidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.