É organizado polo Concello dentro da programación municipal de Nadal. A obra é A nena que quería navegar, de Redrum Teatro.
Cada ano o Concello organiza, dentro da programación de Nadal, un Festival de Teatro que vai dirixido exclusivamente aos tres colexios do municipio (CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) e que se realiza en horario lectivo nas datas previas ás vacacións escolares.
Hoxe foi a primeira das tres xornadas durante as que máis de oitocentos alumnos de infantil e primaria acudirán á Casa da Cultura da Laracha para asistir á obra A nena que quería navegar, de Redrum Teatro. É unha comedia que pretende visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Está escenificada por Guillermo Carbajo, Laura Míguez e Carlos Álvarez-Ossorio.
Esta mañá nos dous primeiros pases (ás 10:00 e ás 12:00 h) asistiron 265 alumnos. Mañá, nos mesmos horarios, acudirán un total de 326 nenos. O xoves, tamén en dous pases, contarase con 230 rapaces para un total de 821 espectadores durante as tres xornadas.
Ao remate de cada unha das cinco funcións Papá Noel, acompañado por un dos seus elfos, preséntase na Casa da Cultura para saudar aos nenos e mestres asistentes, agasallarlles con caramelos e desexarlles un feliz Nadal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.