Tuesday 16 de December de 2025

A Xunta impulsará a innovación no ámbito local para fortalecer a I+D+i en todo o territorio galego


— A Consellería de Educación e Ciencia presenta aos concellos os Plans locais de I+D+i, unha novidosa medida do Plan galego de investigación e innovación 25-27

— Dotarase aos concellos de ferramentas para crear solucións propias, xerar coñecemento útil e desenvolver iniciativas capaces de atraer e reter talento

— Tamén se facilitará un plan local marco e formación específica en innovación para capacitar ao persoal dos entes municipais na elaboración e execución destes plans

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada Cara a transformación municipal: Plans locais de I+D+i na que participaron máis de 130 representantes de entidades locais, deputacións, grupos de acción rural e axentes do ecosistema innovador (universidades, empresas e centros tecnolóxicos e de investigación). Esta iniciativa pioneira, que inicia agora o seu deseño, “persegue levar a innovación a todo o territorio como mecanismo de mellora social, económica e territorial”, sinalou o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.
Para iso, a Xunta de Galicia dotará aos municipios de ferramentas para crear solucións innovadoras propias, xerar coñecemento útil e desenvolver iniciativas converténdoos en territorios innovadores, sostibles e atractivos para as persoas e as empresas. Como remarcou o conselleiro, “cada euro investido en plans locais mellora a capacidade de resposta dos concellos e fortalece todo o ecosistema galego de I+D+i, xa que os entes locais teñen unha función fundamental para liderar procesos que xeren benestar e progreso para os seus cidadáns”.
Este enfoque descentralizado de innovación parte “do convencemento de que a innovación non nace só nos grandes centros tecnolóxicos e de investigación, senón tamén na cidadanía e no tecido local”, afirmou o representante do Goberno galego, quen incidiu en que tamén serve para dar resposta a moitas das necesidades específicas dos concellos. “Só se poden atopar solucións no propio territorio, porque é onde se coñece a fondo o contexto, os recursos dispoñibles e as particularidades de cada territorio”, engadiu.
Para que este coñecemento emerxa e se transforme en proxectos de alto impacto, a Xunta promove un novo modelo de colaboración baseado en recoñecer e activar todo o potencial das entidades locais. Os plans locais son “un instrumento planificador que permita ordenar, regularizar e estandarizar a innovación nos concellos para axudar a consolidar un futuro mellor para as pequenas e medianas localidades”, puntualizou Román Rodríguez, quen reafirmou a importancia de centrarse en dous ámbitos: “Un que ten que ver coa propia acción do concello e os servizos que prestan e outro coa especialización funcional de cada territorio”.
Para logralo, realizarase un proceso participativo para a elaboración dun plan local de I+D+i, marco que servirá de guía e proporcionarase formación específica en innovación ao persoal dos concellos para que sexan quen de colaborar activamente na elaboración e execución do plan. Así mesmo, celebrarase en 2026 un congreso centrado neste ámbito.
Programa da xornada
Os asistentes á xornada tiveron oportunidade de coñecer experiencias desenvolvidas no ámbito municipal, a través da conferencia do alcalde do municipio madrileño de Las Rozas e presidente da Rede Española de Cidades Intelixentes, José de la Uz, sobre innovación local.

Na cita tamén se celebraron dúas mesas redondas sobre casos de boas prácticas e a visión dos alcaldes. Na primeira delas, moderada por Carmen Cotelo, participaron a secretaria de Administración local de Riba-Roja de Túria (Valencia), Ylenia Díaz; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. Na segunda mesa redonda, moderada por Natalia Prieto, interviron a alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde; o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; o alcalde de Nigrán, Juan González, e o exalcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ademais, explicáronse os próximos pasos da folla de ruta para impulsar o desenvolvemento de plans de I+D+i nas entidades locais.

Plan galego de I+D+i 25-27
Esta iniciativa xorde no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-27, como unha das súas principais novidades e prioridades estratéxicas, co obxectivo de impulsar a innovación no eido local. Con esta medida perséguese fomentar a cultura da innovación, fortalecer os ecosistemas locais de I+D+i, promover o desenvolvemento económico sostible, aumentar a capacidade de xeración e transferencia de coñecemento, reter e atraer talento innovador e mellorar a calidade de vida das persoas.
Esta aposta decidida do Goberno autonómico posibilita que Galicia avance cara un enfoque descentralizado da innovación que achega valor e reforza a cohesión entre comunidades. Así, as iniciativas nacidas no territorio alimentan a estratexia galega e o apoio autonómico permite que cada concello innove e avance cara un futuro máis sostible. Todo isto nun contexto no que Galicia segue medrando en ciencia e innovación, acadando un investimento en I+D récord en 2024 de 1.058M€ e situándose como sexta comunidade autónoma en canto a gasto en I+D.

Deja un comentario