Trátase dunha mostra a beneficio de Callejeros Barbanza
O Centro Cultural Lustres Rivas acollerá unha nova mostra dentro da programación do Nadal Cultural do Concello de Ribeira.
Trátase da exposición Besties, de Pilar Ageitos, a beneficio de Callejeros Barbanza, composta por un total de 35 pezas na que os animais son os protagonistas: lontras, osos polares, lebres, cans…
Ageitos captura con estas acuarelas ao mellor amigo do ser humano, ao bestie de pelo ou de plumas.
A apertura terá lugar no venres, 19 de decembro, ás 20.00 horas, e contará coa participación da propia artista na compaña da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Traxectoria de Pilar Ageitos
Pilar Ageitos (Ribeira, 1970) amosa interese pola arte dende moi nova e, co tempo, licénciase en Belas Artes, en Salamanca; época na que realiza unha estadía de Erasmus nos Países Baixos e coñece a última arte de vangarda. A partir deste momento, dá un salto na súa procura creativa.
Experimenta variedade de soportes, técnicas e linguaxes expresivas, se ben a investigación gráfica en torno ás figuras humanas e animais é o eixo da súa obra en calquera das súas fases evolutivas.
Dende o 2015 dirixe en Ribeira un taller no que a arte está ao servizo das necesidades do alumnado: Espazo Creativo Nume.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.