Tuesday 16 de December de 2025

O Concello de Cariño inicia as obras de rehabilitación do pavillón municipal cun investimento de case 235.000 euros


• Nesta primeira fase realizarase a retirada do parqué e posteriormente a substitución da cuberta.

• A alcaldesa, Ana María López, explica que “co inicio destas obras damos un paso decisivo para recuperar un espazo fundamental para a vida deportiva e social do municipio”.

O Concello de Cariño iniciou as obras de acondicionamento e rehabilitación do pavillón polideportivo municipal, unha actuación prioritaria para o goberno local que permitirá recuperar un espazo esencial para a actividade deportiva, educativa e comunitaria.
Con motivo do inicio dos traballos, a alcaldesa de Cariño, Ana María López, e o concelleiro de Obras, Alberto Balado, visitaron o pavillón para comprobar de primeira man o arranque da actuación e o desenvolvemento da primeira fase dos traballos.

As obras foron adxudicadas á empresa Calicanto Obras e Proxectos SL por un importe de 193.837,72 euros (234.543,64 euros IVE incluído) e están financiadas mediante o convenio asinado entre o Concello de Cariño e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. En virtude deste acordo, a Xunta achega o 80% do orzamento total, mentres que o Concello asume o 20% restante.
Nesta primeira fase de actuación está a procederse ao levantamento do parqué existente para a futura instalación dun novo pavimento deportivo, adaptado aos materiais e esixencias actuais, que garantirá a seguridade e o bo desempeño de todas as actividades que se desenvolvan no recinto. Ademais, esta fase inclúe tamén a substitución da cuberta.

O proxecto permitirá resolver as deficiencias estruturais detectadas no edificio, derivadas da deterioración provocada por filtracións, humidades e os danos existentes na pista de madeira.

Estas deficiencias son consecuencia da ausencia de actuacións de mellora durante os oito anos do anterior goberno municipal, período no que non levou a cabo ningunha obra de rehabilitación do inmoble, limitándose as intervencións a solucións puntuais e provisionais que non abordaron os graves problemas existentes nin na cuberta nin no pavimento, ambos nun estado moi deteriorado.

Esta situación obrigou ao actual executivo municipal, encabezado por Ana María López, a adoptar a decisión de pechar o pavillón co fin de acometer unha reforma en condicións, garantindo así a seguridade das persoas usuarias e a durabilidade das instalacións.

As obras incluirán tamén a substitución de portas deterioradas, a adecuación das saídas de evacuación á normativa vixente e a retirada das chapas de fibrocemento instaladas fai máis de cincuenta anos, cumprindo coa lexislación actual en materia de residuos e seguridade.

Durante a visita, a alcaldesa destacou que “co inicio destas obras damos un paso decisivo para recuperar un espazo fundamental para a vida deportiva e social do municipio, moi demandado pola veciñanza”. Na mesma liña, Ana María López subliñou que “estamos a devolver á cidadanía un recinto seguro, renovado e adaptado ás necesidades actuais”.

Deja un comentario