Friday 22 de November de 2024

O concello de Riveira asumirá a xestión do Museo do Gravado de Artes durante dez anos baixo a figura de comodato


Así o deron a coñecer Manuel Ruiz e Javier Expósito

Manuel Ruiz, alcalde de Riveira e presidente do padroado da Fundación Museo de Artes, e Javier Expósito, vicepresidente e alma máter desta entidade, compareceron esta mañá no Concello para dar unha importante noticia: a intención do Concello de asumir durante dez anos a xestión do Museo do Gravado de Artes baixo a figura xurídica de comodato.

Este acordo, que aínda que é competencia do alcalde será levado ao vindeiro pleno da Corporación, garantirá segundo Manuel Ruiz a permanencia no noso municipio deste importante legado (“a colección de gravados en mans privadas máis importante do mundo con máis de 30.000 obras”, afirmou), ao tempo que recolle a posibilidade de poder exercitar unha opción de compra no caso de que nun futuro o Concello quixera facerse coa súa propiedade.

Promoción turística
Ruiz Rivas cualificou esta decisión de “boa noticia para os amantes da arte e para todos aqueles que consideran o Museo do Gravado como un dos nosos maiores activos”. Ademais, salientou as súas vantaxes, non só por poder dispoñer da infraestrutura de Artes senón tamén polas posibilidades que ofrece á hora promocionar Riveira como destino turístico alá onde viaxan as súas coleccións. Por exemplo, este próximo verán a Acqui Terme, no Piamonte italiano.

De ratificarse o acordo, o Concello asumirá os gastos de funcionamento por unha cantidade “non moi superior aos 29.000 euros que vén aportando anualmente á institución”.

O alcalde declarou que xa ten informado hai un mes deste asunto aos grupos da Corporación.

Protagonismo mundial
Pola súa parte, Javier Expósito manifestou que esta decisión non significa que el se xubile, senón que pensa seguir adquirindo obra de relevancia (hoxe mesmo ten intención de participar nunha subasta) para beneficio da cultura en Barbanza e para que o museo siga tendo protagonismo a nivel mundial.

Tamén quixo salientar a contribución do museo á difusión nacional e internacional do mundo do gravado dende que esta colección recalou na parroquia de Artes fai máis de 15 anos. A este respecto, manifestou que a de Artes é a institución museística que máis coleccións exporta de Galicia, con exposicións recentes en Zaragoza, Santiago de Compostela, Mérida (México), Chicago, Nova York ou Miami, e proximamente en Corea e Xapón.