Wednesday 17 de December de 2025

Neda recuperará e volverá a poñer en servizo o segundo depósito de auga existente na zona dos Pazos


O Concello de Neda apostará finalmente no POS+ Adicional 4 para investimentos financeiramente sostibles, ademais de pola sectorización da rede de abastecemento de auga, polo reforzo da capacidade de almacenamento do sistema. Trátase das dúas actuacións de mellora que os servizos técnicos municipais estiman que son prioritarias para optimizar o sistema e garantir un subministro continuo a toda a poboación.
O pleno municipal aprobou este mediodía por unanimidade os dous primeiros proxectos incluídos no informe de propostas de optimización elaborado pola empresa concesionaria do servizo municipal (Viaqua) a finais do verán. Modifica a súa proposta inicial dando prioridade á recuperación do segundo depósito de auga que hai nos Pazos.
Así, conforme ao aprobado hoxe, a administración local destinará parte dos fondos provinciais a rehabilitación e posta en servizo do depósito de augas Os Pazos II, o que permitirá contar cunha capacidade adicional de almacenamento de 400 metros cúbicos.
A intervención requirirá un investimento de 48.645 euros e incluirá a limpeza de paredes interiores, baleirado de lodos e saneado do fondo do depósito, impermeabilización e substitución de conducións e válvulas. Dispor deste depósito extra de cabeceira permitirá facilitará ademais as labores de limpeza e mantemento do central.
En paralelo, financiarase a instalación de contadores sectoriais correspondentes aos ramais de subministro a Puntal de Arriba, Casadelos-Roxal, zona do Basteiro e Xuvia, sobre condución de 150 milímetros de diámetro; e a Puntal de Abaixo, sobre condución de 90 milímetros de diámetro. Unha medida destinada a rexistrar a diario consumos máximos e mínimos, axudando a identificar posibles fugas e activar os medios de busca e localización de maneira inmediata. Reservaranse a esta intervención 34.553 euros.
Máis asuntos aprobados
Tamén por unanimidade saía adiante a Prórroga Convenio de Colaboración para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Ferrol, para o período 2025 a 2028; o inicio de expediente para a tramitación anticipada das subvencións a consignar no orzamento 2026 para colaborar coas ANPAS no financiamento dos servizos de comedor e madrugadores e unha moción do BNG sobre a necesidade de incrementar a nivel autonómico os recursos públicos para facer fronte á violencia machista.

Deja un comentario