Tuesday 16 de December de 2025

O Goberno mantén o diálogo con todos os grupos para desbloquear o pagamento de facturas e levará o expediente ao pleno deste mes


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este luns para explicar a situación actual tras o pleno extraordinario do pasado 10 de decembro, no que foi bloqueado o pagamento de 1,3 millóns de euros de facturas a pequenos e medianos provedores e a Viaqua por servizos prestados. “Nunca neste concello se impediu que se puidesen pagar facturas”, sinalou.
O Goberno mantén o diálogo con todos os grupos para desbloquear o pagamento de facturas e levará o expediente ao pleno deste mes
A rexedora compostelá anunciou que para o próximo pleno ordinario, o xoves 18 de decembro, o goberno volverá levar este expediente para a súa votación, e expresou “a disposición do goberno ao conxunto da oposición”, nomeadamene do PP e das non adscritas, xa que deles depende desbloquear esta situación.

A alcaldesa de Santiago deu conta de que, antes do pleno do pasado 10 de decembro, houbo contactos con todos os representantes da oposición, como así o recoñeceron no propio pleno. E engadiu que ela mesma, con anterioridade a ese debate, e para alén das xestións e explicacións do concelleiro de Facenda, chamou ao portavoz do PP. Na conversa, púxose a disposición para aclarar calquera cuestión que precisase “co obxecto de acadar os votos favorables para facer efectivo o pagamento das facturas”.

A resposta do portavoz do PP foi esixir unha desculpa pública por supostos insultos cara o grupo do PP, algo que “nunca se produciu” por parte dela, como a propia alcaldesa aclarou. De feito, Goretti Sanmartín lembrou que o grupo de goberno e ela mesma recibiron cualificativos negativos desde o primeiro momento deste mandato. “En calquera caso, se houbese algo ofensivo non tería ningún problema en manifestar que non é a miña vontade ofender ninguén”, engadiu, e defendeu que “todo o mundo sabe” que ela é unha persoa de “paz e paciencia”.

Así, lamentou que o PP “só pretende disfrazar de democracia” a súa actuación, porque “se non goberna, porque non obtén os apoios necesarios, impide o funcionamento normal votando en contra do que é incuestionable, como pagar o que se debe ou aprobar medidas que as leis determinan”.

Na súa comparecencia, Goretti Sanmartín lembrou que o pasado 10 de decembro, por segunda vez, o PP votou en contra do pagamento de facturas por servizos prestados algo que, xunto á abstención das concelleiras e concelleiro non adscritas, deu lugar a que non poidan aboarse esas cantidades.

Ao respecto, a rexedora compostelá tamén avisou de que toda a oposición é “consciente” de que ademais de non pagar ás empresas polo traballo feito, con este impedimento tamén están “botando por terra o traballo do pesoal técnico municipal para desbloquear o pagamento de facturas que veñen de 2021”. Neste sentido, engadiu que parte das facturas proceden de servizos que xestionaban persoas con responsabilidades de goberno naquela altura e que agora están na oposición, polo que se preguntou como “poden agora pórse de perfil ante esta realidade”.

Bombeiros e policía

A preguntas dos medios sobre a situación da policía e bombeiros, a alcaldesa de Santiago indicou que, como xa trasladou o concelleiro de Persoal o pasado venres, o goberno continúa traballando a prol da resolución do conflito cos bombeiros e policías.

Esta semana haberá unha nova xuntanza e o Goberno fará unha última proposta co obxecto de desbloquear a situación. E lembrou que no pleno desta semana, o goberno levará un novo pagamento de horas extra “poñendo ao día, como nunca antes se fixo neste concello, importantes pagamentos”.

Deja un comentario