Tuesday 16 de December de 2025

O compositor Fernando Vázquez Arias cédelle ao Concello as súas obras inspiradas na Coruña


A alcaldesa, Inés Rey, recibiu as partituras doadas nun acto no comedor Abelenda de María Pita

A cidade da Coruña é un dos temas fundamentais da extensa obra musical do compositor galego Fernando Vázquez Arias. Este feito, apunta, foi o que o impulsou a ceder a propiedade de varias das súas partituras ao Concello. As pezas clásicas percorren algúns dos puntos máis emblemáticos do rueiro coruñés. Desde o Obelisco ata a Torre de Hércules, pasando pola Mariña, Orzán ou O Parrote.
“Considero A Coruña a miña cidade adoptiva. É onde desenvolvín unha parte moi importante da miña carreira. Por iso quería ter este xesto coa alcaldesa e co Concello.

Moitas destas pezas están aínda sen interpretar, e agora están totalmente dispoñibles para que se faga algo bonito con elas”, apuntou Arias, que esta tarde entregáballe en man as súas obras a Inés Rey no comedor Abelenda de María Pita.
“Fernando Vázquez Arias é unha das figuras clave na escena da música clásica galega das últimas décadas, e estamos moi honrados por recibir este agasallo”, sinalou Rey. Tamén estivo presente no acto o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Fernando Vázquez Arias mantivo desde a súa mocidade unha relación moi estreita coa cidade, xa que se formou nas aulas do seu conservatorio. Ademais, foi o fundador da Escola Amadeus da Coruña e da Nova Orquestra Sinfónica de Galicia. Na súa traxectoria destacan as famosas composicións para piano, as cantatas para coro e solistas, as obras para orquestra sinfónica ou as incursións na música de cámara, entre moitas outras.

Ademais, asinou a ópera A Raíña Lupa.

Deja un comentario