Tuesday 16 de December de 2025

Belén do Campo destaca o apoio da Xunta a 16 clubs da Comarca do Barbanza con máis de 82.000€ para a adquisición de equipamentos deportivos


A representante do Goberno autonómico subiñou que estas axudas reflicten a firme aposta da Xunta polo deporte como motor social, educativo e económico, e recoñeceu o labor dos clubes da comarca, que continúan demostrando un compromiso exemplar coa promoción da actividade física

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o Club de Piragüismo Rías Baixas de Boiro, unha das entidades beneficiarias das convocatorias de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinadas ao desenvolvemento de actividades deportivas e á adquisición de equipamentos ambas convocadas por concorrencia competitiva. En total o club recibiu 45.600 euros, 9.600 que permitiron apoiar a compra de embarcacións e case 3.000 euros para a realización de actividades. Ademais, reciben outros case 30.000 euros para os seus equipos de alta competición feminino, masculino e para o seu equipo e de Comet Paracance dentro das axudas do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición.
O Club Piragüismo Rías Baixas – Boiro, fundado en 1997, experimentou un notable crecemento ao longo da súa traxectoria, cun impulso clave en 2018 grazas á mellora das súas instalacións en Praia Xardín, que hoxe inclúen ximnasio, vestiarios e hangar de embarcacións. A entidade conta cunha ampla proxección internacional, con deportistas que representaron a España en campionatos de Europa e do Mundo en modalidades como Augas Tranquilas, Maratón e Barco Dragón, destacando os éxitos do equipo de Barco Dragón no Mundial 2024 en Filipinas, con ouro en DB10 2000 metros Open e prata en DB22 2000 metros Mixto, así como a participación de Adrián Mosquera nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 e París 2024. Desde 2021, baixo a presidencia de Sergio Pérez Treus, o club continúa reforzando a súa aposta polo deporte base e pola formación, consolidándose como unha referencia do piragüismo galego, nacional e internacional.
Adquisición de equipamentos
Durante a visita, Belén do Campo destacou o compromiso do Goberno galego co fomento do deporte base e coa mellora das condicións dos clubes da comarca. Neste sentido informou dos resultados da orde de subvencións destinada á adquisición de equipamentos deportivos á que accederon, na comarca do Barbanza, 16 entidades deportivas que recibiron máis de 82.000 euros para a adquisición de equipamentos, reforzando así a súa capacidade para continuar medrando e mellorando a calidade das súas actividades.
Na provincia da Coruña distribuíronse máis de 418.000 euros entre 89 clubs, ademais de máis de 82.000 euros destinados a 18 federacións e 15.000 euros destinados a dúas Sociedades Anónimas Deportivas, en total 515.000 euros e en toda Galicia 287 entidades deportivas, federacións, e Sociedades Anónimas deportivas, recibiron estas achegas cun investimento global que supera os 1,4 millóns de euros.
As axudas incluíron dúas liñas: unha destinada a equipamentos de mobilidade para embarcacións e vehículos (cun máximo de 10.000 euros) e outra para equipamentos non vinculados á mobilidade, tanto específicos da práctica deportiva como materiais complementarios –como material de ximnasio, desfibriladores, marcadores ou sistemas de cronometraxe– cun máximo de 5.000 euros.
Aposta polo deporte como motor social
Belén do Campo subliñou que estas axudas reflicten “a firme aposta da Xunta polo deporte como motor social, educativo e económico”, e recoñeceu o labor dos clubes da comarca, “que continúan demostrando un compromiso exemplar coa promoción da actividade física e coa formación de novos talentos”.

Deja un comentario