Tuesday 16 de December de 2025

Un cento de persoas desafían ás temperaturas baixo cero e participan na Andaina e Belén de Cumes do Concello de Lousame


De cero a cen en menos de vinte minutos. Así foi a saída da tradicional Andaina e Belén de Cumes do Concello de Lousame, que tivo lugar na mañá de onte domingo. Unha mañá fría, con temperaturas baixo cero na chegada dos máis de cen participantes ao polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e cunha saída ás 10:00 horas e a cero grados das máis de cen persoas participantes, entre eles un numeroso grupo do Club Trabandainas de Noia.

A tenente de alcalde de Lousame, Silvia Agrafojo, agradeceu a gran participación rexistrada e puxo en valor o traballo realizado polas persoas traballadoras dos distintos departamentos municipais, así como pola Rede de Voluntariado de Lousame, Cruz Vermella Noia e Protección Civil de Lousame para o desenvolvemento da andaina.

Catorce quilómetros

Unha camiñata circular de 14 quilómetros polo mesmo trazado que o próximo domingo 28 de decembro farán os atletas participantes no Trail Curto de Lousame, no que xa están 160 persoas inscritas. Un percorrido 100% por pistas de terra que saíu da Silva seguindo durante un par de quilómetros á beira do río da Mina ata chegar ás Minas de San Fins, onde tivo lugar o avituallamento. Aló a expedición fixo unha longa parada non só para repoñer forzas, senón tamén para visitar o Museo, aberto especialmente para a ocasión, onde estaba montado o tradicional Belén de Cumes, un nacemento composto por figuras de gran tamaño que cada ano se monta nun lugar especial do municipio. Se no 2024 o lugar escollido foi a igrexa de Camboño, nesta ocasión foi o Museo das Minas de San Finx.

Despois, a expedición continuou camiño ata o Monte da Fiosa e a Cruz de Marselle, dende onde desfrutaron dunhas fermosas vistas da Ría de Noia, para despois emprender unha baixada duns catro quilómetros de volta ao polideportivo, onde desfrutaron dun chocolate con churros da man de Churrería Rafa. O bo humor e a camaradería presidiron a xornada, na que gran parte dos presentes acudiron co típico gorriño de Papá Noel e non foron poucos os que aproveitaron para facer o percorrido cos seus peludos.

Deja un comentario