Tuesday 16 de December de 2025

A Xunta realiza laboras de conservación fluvial en máis de 7 quilómetros nos ríos Mandeo, Mendo e Xerpe, nos concellos de Betanzos e Paderne


As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de cinco semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 7 quilómetros nos ríos Mandeo, Mendo e Xerpe, nos concellos de Betanzos e Paderne.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas aos concellos, desenvolveranse nun tramo de 3,9 quilómetros do río Mandeo ao seu paso polas parroquias de San Salvador de Colantres, San Xoán de Vilamourel, San Vicente de Armá e Santa André de Obre. Tamén se actuará en máis de 2,5 quilómetros no río Xerpe nas parroquias de San Xoán de Paderne, Santo André de Obre e San Martiño de Tiobre, e en máis de 800 metros do río Mendo ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Brabío. A maiores, no Concello de Betanzos, tamén se realizarán traballos en máis de 700 metros nos regatos das Angustias, do Pasatempo e de Infesta.

Os traballos, que se prolongarán durante arredor de cinco semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, e co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Deja un comentario