Guinarte sinala que o vivido o pasado domingo coa Policía Local evidencia a incapacidade do concelleiro responsable para garantir a seguridade e os servizos esenciais en Santiago e insta a tomar medidas inmediatas para protexer á cidadanía e apoiar aos profesionais.
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista apremia ao Goberno municipal a actuar ante a situación crítica dos servizos de Policía Local e Bombeiros, que levan semanas funcionando con persoal insuficiente e sen medidas efectivas para garantir a seguridade dos veciños.
Ante o acontecido esta pasada fin de semana, o voceiro do grupo socialista, Gumersindo Guinarte, afirma: “Este episodio non é illado; é o resultado dunha xestión insuficiente e dunha crise que se arrastra desde fai semanas. Non podemos permitir que a seguridade da cidadanía dependa da improvisación ou do persoal externo”.
“Desde o Grupo Municipal Socialista instamos á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a asumir as súas responsabilidades políticas e a poñer en marcha solucións reais e inmediatas. Criticar aos traballadores municipais non é unha saída: garantir os servizos públicos é unha obriga que o Goberno non está a cumprir”.
Guinarte lembra: “Desde o Grupo Municipal Socialista xa puxemos medidas sobre a mesa, con pleno amparo legal e respaldo sindical. Agora só falta que o Goberno municipal actúe de forma efectiva para que os servizos esenciais funcionen como merece a cidadanía”.
“Os problemas actuais derivan de varios factores estruturais: déficit de persoal, falta de previsión á hora de cubrir quendas, atrasos nos pagos das horas extra e complementos desactualizados, así como a ausencia dunha planificación efectiva na Relación de Postos de Traballo (RPT)”, sinala o voceiro socialista.
As e os socialistas de Santiago reclaman medidas inmediatas para garantir os servizos públicos. Solicitan a incorporación urxente de persoal na Policía Local e nos Bombeiros, a creación de novas prazas para reforzar os equipos e a modificación da RPT, recoñecendo o traballo nocturno, festivo e en condicións de risco. Tamén esixen o pago inmediato dos atrasos e a regularización dos complementos, co fin de recuperar a confianza e motivación dos profesionais.
Alertan, ademais, de que a situación afecta non só aos profesionais, senón a todos os veciños e veciñas de Santiago, que ven comprometida a seguridade e a mobilidade diaria. Como afirma o voceiro socialista: “Non podemos normalizar o inaceptable. A cidade merece servizos fiables e unha xestión responsable”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.