Tuesday 16 de December de 2025

O levantamento de actas pola repotenciación do parque eólico Novo afectaralle a 21 parcelas en San Sadurniño


O proceso de repotenciación do parque eólico Novo entra na fase de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos, un trámite indispensable para avanzar nas obras de instalación dos muíños e doutras infraestruturas, entre elas as novas liñas de evacuación que atravesan o termo municipal de San Sadurniño. En total, no noso municipio veranse afectadas polos traballos 21 parcelas, das cales 19 figuran como propiedade de persoas descoñecidas e outras dúas teñen titularidade identificada. O acto de levantamento celebrarase o 20 de febreiro na Casa do Concello, onde están citadas as persoas titulares das parcelas 428 e 429, unha ás 11:35h e outra ás 11:40h. A intervención forma parte do proxecto de renovación integral da infraestrutura eólica, que reducirá a superficie total do parque e que, ademais, baixará o número de muíños de 25 a tan só 5, só que catro veces máis potentes e cunha altura duns 200 metros.

A Xunta, a través da Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, fixo público o anuncio no que se detallan as datas, horas e localizacións para o levantamento das actas previas. No caso de San Sadurniño, a sesión desenvolverase o día 20 de febreiro de 2026, dando continuidade ás convocatorias xa previstas os días anteriores en Narón e Valdoviño. As citas individuais comunicáronselles ás persoas titulares mediante notificacións personalizadas, aínda que o anuncio tamén figura exposto no taboleiro municipal e na sede electrónica da administración autonómica.

O documento oficial establece que son 21 as parcelas afectadas no noso termo municipal. A maior parte delas —un total de 19— figuran con titularidade descoñecida, mentres que outras dúas pertencen a persoas identificadas: Braulio Durán Casal, propietario da parcela 428, e Evaristo Sisto Montero, titular da parcela 429. Ambos están convocados o 20 de febreiro ás 11:35 e 11:40 horas, respectivamente, para participar no acto administrativo que precede á ocupación dos terreos necesarios.

O levantamento das actas previas é un trámite habitual en procedementos de expropiación forzosa, como os que acompañan a declaración de utilidade pública deste tipo de proxectos enerxéticos. A participación das persoas afectadas permite aclarar posibles erros, incorporar documentación acreditativa e deixar constancia do estado dos bens antes do inicio das intervencións no territorio. Aquelas persoas que non poidan asistir poden facerse representar de maneira debidamente acreditada.

No caso da repotenciación do Parque eólico Novo, as afeccións en San Sadurniño limítanse exclusivamente ao paso das liñas de evacuación que comunicarán o parque coa subestación do Camiño Arriba. As actuacións previstas circunscríbense ao trazado das conducións eléctricas e aos terreos necesarios para a súa execución. As novas parcelas afectadas (a maiores das que xa se utilizaron cando se construiu o parque) localízanse nas áreas denominadas nos planos do Catastro como Chaeiras, Madriña, Covelo e Fraga da Felga, segundo recolle o anexo do proxecto.

A presenza de numerosos predios con titularidade descoñecida responde, segundo a documentación, á complexidade dalgúns terreos rústicos e á falta de actualización de datos catastrais. Isto obriga a iniciar o procedemento de expropiación mediante anuncio público, garantindo que calquera persoa con dereitos recoñecidos poida reclamar ou achegar acreditacións antes ou durante o acto de levantamento de actas. A administración lembra que ese é o momento idóneo para emendar calquera incidencia.

A partir da formalización das actas previas, a empresa promotora poderá avanzar nos traballos vinculados á reconfiguración do parque eólico, que supuxo o desmantelamento dos 25 aeroxeradores existentes, completado esta fin de semana, para seren substituídos por cinco unidades de maior potencia e altura —ata 200 metros—, todas elas concentradas en territorio de Valdoviño.

A potencia instalada seguirá sendo de 18,75 MW, pero a maior lonxitude das pás e o uso de maquinaria máis moderna permitirán elevar a produción neta por enriba dos 50,5 GWh anuais. A intervención tamén contempla a restauración dos emprazamentos actuais e das pistas que queden sen uso, reducindo a superficie ocupada pola infraestrutura eólica.

Fotos (César Galdo): Zona do Monte dos Nenos -límite entre Valdoviño, Narón e San Sadurniño- onde esta fin de semana se completou a desmontaxe dos antigos muíños do parque eólico Novo.

Deja un comentario