Friday 22 de November de 2024

Preto de cen concellos formalizan a súa adhesión á Rede Dixital de Emerxencias da Xunta


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, entregaron hoxe na Agasp os terminais aos representantes municipais

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, fixeron entrega hoxe na Estrada de 239 terminais da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, RESGAL, a case un cento de concellos galegos.

A entrega realizouse no marco dunha Xornada formativa sobre a Rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencias e seguridade de Galicia, que se celebra na Agasp e contan con máis de 300 participantes, entre servizos de emerxencias municipais e supramunicipais.

O vicepresidente destacou que esta entrega de terminais de comunicacións súmase outros 225 entregados hai un mes ao Concello de Vigo. Deste xeito, formalízase a adhesión de 95 concellos a RESGAL, o que suporá un auténtico salto cualitativo no nivel de comunicacións do sistema de emerxencias galego, que vai mellorar en coordinación e eficacia.

RESGAL integra, por primeira vez, nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan na resolución das emerxencias. Unha rede única para facilitar unha intervención máis efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificar as tarefas de coordinación entre eles.

Precisamente, Rueda explicou que na nova rede se están a integrar de xeito progresivo todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de protección civil, os profesionais do 061 e polos axentes que loitan contra os incendios forestais.

Esta dotación de material non é un feito illado, senón que responde ao interese da Xunta nos últimos anos por redobrar o seu investimento en medios materiais para contar cunha Galicia mellor preparada fronte ás emerxencias e, polo tanto, máis segura para a cidadanía.

Nese sentido, completouse o mapa de bombeiros comarcais -con 25 parques espallados por toda a Comunidade- e púxose en marcha unha rede de Grupos de Emerxencia Supramunicipal, GES, que están a demostrar a súa eficiencia e o importante labor de apoio que fan ao resto de corpos de emerxencia e seguridade galegos.

Así mesmo, estanse a dotar de medios a todos os servizos, incluídos os moitas veces esquecidos voluntarios de Protección Civil, e nos últimos meses as agrupacións teñen recibido un investimento inédito ata o de agora, con mías de 5 millóns de euros en material, que inclúen todoterreos, furgóns, lanchas e mesmo traxes para erradicar a vespa velutina.

Rueda afirmou que todo este novo material, ao que hoxe se unen os terminais de comunicacións, non valerían de nada sen o traballo dos profesionais de emerxencias que o usan e que representan o principal capital para a seguridade e o benestar das persoas ás que serven.

Tecnoloxía de última xeración
A directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa, posibilita a xeolocalización en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencia, os envíos de sms a persoas ou grupos, a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade.

Pereira destacou que a Administración autonómica adquiriu xa máis de 5.316 terminais dos que 3.314 están operativos.

Cobertura e investimento
A nova rede dixital está xa operativa en todo o territorio cunha cobertura do 84 por cento do territorio e o 94 por cento da poboación, de xeito que, garantirá un alto grao de cobertura nas principais zonas urbanas nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco e zonas rurais.

Ademais, conta cunha estación base transportable, que poderá ser empregada para para un despregamento rápido de cobertura nunha zona de sombra ou aumentar a capacidade ante un evento que xere un incremento exponencial das comunicacións dos servizos de emerxencia e seguridade.

Aforro de 37 millóns de euros
Na creación desta nova rede de emerxencias aproveitáronse infraestruturas de telecomunicacións implantadas no marco do I Plan de Banda Larga da Xunta e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais.