Sunday 14 de December de 2025

O Concello de Ribeira acomete a limpeza e embelecemento do mobiliario urbano das rúas Galicia e Rosalía de Castro


 A actuación supuxo un investimento de máis de 4.000 euros

O centro urbano de Ribeira foi obxecto nestes días dunha intervención focalizada na limpeza e embelecemento do mobiliario urbano. A concelleira de Obras, Herminia Pouso, explica que se contratou unha empresa para executar tarefas de acondicionamento nas rúas Galicia e Rosalía de Castro para eliminar grafitis, retirar carteis obsoletos, abrillantar o mobiliario metálico prateado e pintar o de madeira.

Deste xeito, interveuse en bancos, contedores, macetas, papeleiras, postes, caixas de correos, unha cabina telefónica, caixas de
electricidade e un balado de madeira. Segundo destaca a edil, “esta medida busca a mellora estética dunhas céntricas rúas acabando con espazos que estaban moi degradados, principalmente, por pintadas e acumulación de cartelería obsoleta. Estamos falando de dúas arterias da cidade, zonas peonís con moita vivenda, comercio e hostalería, polo que era necesario recuperar este mobiliario urbano do estado no que se atopaba.”

A empresa encargada de realizar os traballos foi LGM Arousa S.L. por un investimento total de 4.114 euros, IVE incluído.

Deja un comentario