A exposición, que se habilitará na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, dá continuidade á programación municipal impulsada co gallo do 75 aniversario do pasamento do rianxeiro
A programación do Concello polo Ano Castelao chegará a vindeira semana á Casa da Cultura Salvador de Madariaga, en Durán Loriga, que acollerá a mostra ‘Camiño ao Estatuto’, unha iniciativa que recolle o legado do intelectual rianxeiro e outros persoeiros da cultura galega no camiño para acadar un estatuto de autonomía para Galicia.
O acto inaugural da exposición terá lugar o xoves 18. Dende entón, e ata o día 6 de xaneiro, a cidadanía poderá visitar de balde a sala municipal de exposicións e coñecer máis polo miúdo os fondos que ilustran este proceso, recollidos pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais, que custodia unha parte moi importante do patrimonio bibliográfico da cidade e tamén está especializada en temáticas xerais de Galicia.
Neste sentido, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, resaltou o traballo das e dos profesionais da biblioteca “para visibilizar e divulgar os fondos, documentos e publicacións existentes sobre a loita de Castelao e moitas galegas e galegos máis que foron fundamentais para que o Estatuto fose, finalmente, unha realidade”.
O edil destacou que, en liña con outras iniciativas que impulsou o Executivo local para homenaxear a Castelao este ano, o Goberno de Inés Rey busca que esta mostra contribúa a poñer en valor “as súas achegas a prol da democracia e a nosa cultura”, apostando esta vez por difundir unha colección de grande interese non só para a cidade, senón para o conxunto da sociedade.
A apertura da mostra prevista o vindeiro xoves 18 (18.30 horas) na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga contará tamén coa actuación do Grupo Fúa, un cuarteto de músicos profesionais da Coruña. O concerto comezará ás 19.30 horas, unha hora despois da inauguración da exposición.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.