Sunday 14 de December de 2025

A segunda edición de Folk no Colón chega ao seu fin cos concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Carlos Núñez


As súas actuacións terán lugar os días 20 e 26 de decembro e as últimas entradas continúan á venda

A segunda edición do ciclo Folk no Colón remata este mes de decembro coas actuacións de dous dos grandes referentes da música tradicional galega: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Carlos Núñez. “A nosa tradición musical e a súa visibilización e protagonismo na programación cultural do Concello é unha das liñas que marcamos desde o Goberno de Inés Rey e que estamos a conseguir grazas a ciclos coma e que complementan outros eventos con máis percorrido como a Romaría de Santa Margarida”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

En primeiro lugar, o sábado 20 de decembro, ás 20.00 horas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentarán o seu último traballo: ‘Axúdame a sentir’, unha homenaxe á tradición musical oral e ás cantareiras. O músico coruñés participa por segundo ano consecutivo no ciclo Folk no Colón co seu traballo máis persoal, amosando toda a súa calidade musical, que o levou a actuar nas principais cidades no mundo.

Por outra banda, Carlos Núñez, o artista de música galega máis internacional celebra o 30 aniversario da ‘Irmandade das Estrelas’, o disco que revolucionou a música celta e converteuse nun fito da cultura galega, cunha dobre actuación o venres 26 de decembro, ás 19.30 e ás 22.00 horas. Núñez non faltará á súa cita de Nadal na Coruña, onde vén actuando nos últimos anos cada mes de decembro.

As derradeiras entradas para as actuacións de ambos artistas continúan á venda en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Ademais, o día de cada actuación, en caso de quedar localidades dispoñibles, poderán adquirirse no propio Teatro Colón.

Deja un comentario