Nenos e familias esixen parques seguros e accesibles ante o estado deteriorado dos elementos de xogo e o pavimento, que poñen en risco a seguridade da infancia
O Grupo Municipal Socialista reclama actuacións urxentes para garantir a seguridade e o uso adecuado de dous parques infantís do Concello Santiago de Compostela, que presentan na actualidade un estado claramente deficiente.
O primeiro parque afectado é o da Praza Marcial Villamor Varela, no entorno da Rúa do Olvido. O pavimento de caucho atópase deteriorado e varios elementos de xogo están danados, o que supón un risco para os nenos e nenas que o utilizan a diario. Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe con carácter urxente, acondicionando o pavimento e reparando ou substituíndo os elementos de xogo necesarios para garantir a seguridade do espazo.
No segundo parque, situado detrás do Local Social da Gracia, os columpios foron roubados fai tempo e nunca se repuxeron. Ademais, o chan presenta irregularidades que dificultan un uso seguro do parque infantil. O Grupo Municipal Socialista esixe que o Goberno de Sanmartín repoña de inmediato os columpios roubados e acondicione o terreo, garantindo un espazo axeitado e seguro para a infancia e para toda a veciñanza.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, advertiu da gravidade da situación e da falta de resposta do Goberno municipal:
“Dous parques infantís do noso concello, o da Praza Marcial Villamor Varela e o situado detrás do Local Social da Gracia, presentan un estado claramente deficiente. No primeiro, o pavimento de caucho está deteriorado e varios elementos de xogo están danados, o que supón un risco para os nenos e nenas que o usan a diario. No segundo, os columpios foron roubados hai tempo e nunca se repuxeron, ademais de que o chan presenta irregularidades que dificultan un uso seguro”.
Marta Abal subliñou ademais que “os nenos e nenas de Santiago merecen gozar dos seus parques con seguridade, e o noso compromiso é seguir defendendo isto ata que se solucionen estas deficiencias”.
O Grupo Municipal Socialista insiste en que estas actuacións son urxentes e ineludibles, e agarda que o Goberno de Goretti Sanmartín dea unha resposta inmediata para garantir a seguridade e o dereito ao lecer da infancia compostelá.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.