A delegada da Xunta asistiu á hoxe á xornada dentro da programación do selo “Peixe da Lonxa da Coruña” organizada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e á degustación de produtos da lonxa herculina coa participación da Escola de Hostalería “Álvaro Cunqueiro”
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu hoxe á xornada dentro da programación do selo “Peixe da Lonxa da Coruña” organizada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e á degustación de produtos da lonxa herculina celebrada no Mercado de Elviña coa participación da Escola de Hostalería “Álvaro Cunqueiro”, onde puxo en valor o papel dos mercados tradicionais e das iniciativas que promoven a difusión e o consumo de produtos frescos e de proximidade.
Na visita Belén do Campo subliñou a importancia de eventos deste tipo, “que axudan a visibilizar e poñer en valor o noso produto, que é fresco e de calidade”. A delegada destacou a importancia do traballo para reforzar o coñecemento dos alimentos do mar entre a cidadanía.
A xornada incluíu unha sesión de degustación gastronómica organizada pola Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro onde as persoas asistentes puideron desfrutar de elaboracións preparadas con produtos chegados directamente da lonxa.
Belén do Campo fixo referencia tamén ás accións que a Xunta está a impulsar para fomentar a compra de peixe fresco galego, entre as que destacou o Bono Peixe, iniciativa cun enorme éxito entre consumidores e establecementos. Recordou que este programa contou en Galicia con 750 establecementos adheridos, beneficiou a máis de 146.000 consumidores e xerou un impacto económico próximo aos 11 millóns de euros.
Ao longo das dez semanas nas que estivo activo o Bono Peixe, a provincia da Coruña liderou as descargas, con 100.000 rexistros, e tamén contou cun importante número de establecementos participantes, cun total de 290.
A delegada salientou a excelente acollida desta iniciativa, que evidenciou o interese crecente da poboación polos produtos do mar e a importancia de garantir a súa presenza na cesta da compra. Destacou, ademais, que se trata de alimentos de calidade excepcional, cunhas propiedades nutricionais que contribúen ao benestar, á prevención de doenzas e a unha mellor calidade de vida.
A representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor a marca pescadeRías, de onde se non?, selo creado pola Consellería do Mar no 2008 para distinguir os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal galega, recoñecida internacionalmente pola súa variedade e calidade. Lembrou que este distintivo ofrece vantaxes claras para o consumidor, xa que garante frescura, calidade, respecto ambiental e boas prácticas de manipulación e hixiene.
Así mesmo, fixo referencia ás foodtrucks de Galicia sabe Amar, que percorren todo o territorio galego levando o mellor sabor das rías galegas aos principais eventos e a centros educativos, contribuíndo á promoción dos produtos mariños entre todas as xeracións. Nos últimos dous anos esta campaña visitou todos os concellos da provincia da Coruña, ata en dúas ocasións, con presenza en festas, feiras, competicións deportivas e en preto dun cento de centros educativos.
Para rematar, Belén do Campo reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar impulsando accións que favorezan o coñecemento e o consumo de alimentos mariños. Subliñou que o peixe, o marisco e as conservas son fontes proteicas de alto valor e lembrou o peso estratéxico da cadea mar–industria na economía da comunidade, un sector que ocupa arredor de 50.000 persoas e que representa aproximadamente o 5% do PIB galego.
A Xunta reafirma así o seu apoio ao sector pesqueiro e á promoción dunha alimentación saudable baseada na riqueza dos produtos do mar galego.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.