Saturday 13 de December de 2025

O Concello organiza talleres de Nadal na Casa da Auga, orientados a concienciar nestas datas sobre a sustentabilidade e a economía circular


Haberá actividades, gratuítas e abertas a todo o público, do luns 15 ao venres 19 de decembro, polas tardes

Como cada ano, e co obxectivo de promover hábitos máis responsables e sostibles durante estas datas, o Concello organiza no hall da Casa da Auga unha semana de actividades que buscan sensibilizar ao público de todas as idades sobre a importancia de apostar por un Nadal máis sostible.
“A celebración do Nadal adoita ir asociada a un aumento do consumo de recursos, unha maior xeración de residuos e o uso masivo de materiais de curta vida útil”, sinala a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. “Coa posta en marcha destas actividades tentamos que os máis pequenos da casa sexan algo máis conscientes da importancia da recuperación e a reciclaxe, e de que é posible gozar á vez que se contribúe á sustentabilidade e á economía circular”, explica.

Os talleres, deseñados para o público infantil e familiar, celebraranse do luns 15 ao venres 19 de decembro, de 16.30 a 20.30 horas no hall da casa da Auga.

Actividades destacadas
Actividade diaria | “Estrelas con mensaxe”: As persoas participantes poderán escribir unha mensaxe, desexo ou compromiso sostible nun persoal con forma de estrela. Estas estrelas colgaranse en dúas árbores de madeira formando un mural colectivo de propostas para un Nadal máis consciente.

Luns, mércores e venres | “Marionetas que contan historias”: Elaboraranse marionetas móbiles con materiais reutilizados. Cada marioneta representa unha especie da nosa cidade.

Martes e xoves | “Adornos de barro con pegada natural”: Os participantes traballarán con barro para crear pequenos adornos do Nadal cun acabado natural, estampando follas e elementos vexetais.

Deja un comentario