Friday 12 de December de 2025

Aguiño inaugurou o seu belén municipal


 Os asistentes puideron desfrutar tamén da música e de chocolate con churros

 

Pastores, labradores, artesáns, os Reis Magos seguindo a estrela de Oriente… E, por suposto, o nacemento. A parroquia ribeirense de Aguiño inaugurou o seu belén municipal na tarde deste 12 de decembro, composto por un cento de figuras, 75 delas mecanizadas. Ademais, con tres novidades: unha muller escorrentando un rato, un alfareiro e un carniceiro.

Esta cita congregou á veciñanza no adro da igrexa e procedeuse coa bendición do nacemento. Durante o acto de apertura, a alcaldesa, María Sampedro, destacou que “con este tipo de propostas tamén descentralizamos a actividade de Nadal da cidade para levala ás parroquias. A instalación deste belén municipal en Aguiño xa se converteu en tradición ao longo destes últimos anos e non podía faltar a súa apertura por estas datas. É un pracer facer comunidade con este tipo de actos, alentando máis o espírito propio destas festas.” A rexedora tamén tivo palabras de agradecemento para Miguel Abraldes, quen cedeu as pezas, e para o equipo de carpintería da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) pola montaxe, representado alí por Manolo Casais.

A música da xornada chegou da man da Charanga Fanfarria Furruxa e tampouco faltou o chocolate con churros para pór o toque doce.

Deja un comentario