O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu esta mañá a decimosexta xuntanza da Mesa Local de Coordinación Institucional fronte a Violencia de Xénero, que estivo presidida por Silvia Agrafojo, concelleira Igualdade e Servizos Sociais. Unha reunión na que se presentou o borrador dunha guía que recolle os diferentes recursos de atención ás mulleres e promoción da igualdade e que estará dispoñible para a próxima sesión.
Ademais, a Mesa tomou coñecemento das actuacións levadas a cabo no ámbito municipal de Lousame na área de formación en prevención da violencia contra as mulleres; actualizaron as informacións sobre as actuacións levadas a cabo no municipio e a concelleira Silvia Agrafojo aproveitou para dar conta das actividades realizadas para conmemorar o 25 de novembro, como as sesións formativas realizadas no CPI Cernadas de Castro ou a campaña “Abrígate no bo trato”, que remata hoxe mesmo co sorteo dos premios do concurso.
Na reunión desta mañá participaron a directora CPI Cernadas de Castro; a nova enfermeira Centro de Saúde de Lousame; a cabo do equipo VIOXÉN do posto da Garda Civil de Noia; a traballadora social de Lousame; e a técnica da Concellería de Igualdade e secretaria da Mesa.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.