As persoas usuarias e os clubes deportivos critican a falta de prazos concretos e alertan de que o retraso nas obras pon en risco a actividade deportiva da cidade
O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha pregunta ao Pleno da Corporación co obxectivo de obter unha resposta clara do goberno de Goretti Sanmartín sobre cando rematarán as obras do complexo deportivo de Santa Isabel e, en particular, cando volverá estar operativa a piscina, clausurada desde o pasado 1 de xuño.
A concelleira socialista Marta Abal lembrou hoxe que, desde o peche, “seguimos sen unha data certa para a súa reapertura”, unha situación que está a causar molestias constantes ás persoas usuarias, que levan meses sen poder facer uso das instalacións.
Abal advertiu tamén da afectación sobre os clubes deportivos, salientando que o Waterpolo Santiago afronta unha situación especialmente crítica ao “non dispoñer dunha instalación onde adestrar”, circunstancia que podería deixalos fóra da competición.
O goberno de Sanmartín asegurara a finais de agosto que as obras avanzaban “a bo ritmo”, mais os socialistas subliñan que “a realidade é que continúa a incerteza” e que o executivo leva meses evitando ofrecer prazos concretos.
Por iso, a concelleira reclamou ao goberno local “transparencia e unha resposta clara” sobre o estado real das actuacións, recordando que “a cidade merece rigor e planificación, non improvisación”.
O Grupo Municipal Socialista insta así a Goretti Sanmartín a poñer fin á opacidade e facilitar información veraz para garantir que a cidadanía e os clubes afectados poidan planificar a súa actividade con garantías.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.