Friday 12 de December de 2025

Antonio Orozco volverá ao Coliseum da Coruña o día 3 de outubro do 2026, en concerto con «La gira de tu vida»


Xa están á venda as entradas para a actuación. O artista catalán regresará un ano despois da súa última cita coa cidade herculina, á que asistiron máis de 7.000 persoas

O artista catalán Antonio Orozco regresará o ano que vén á cidade da Coruña. Será o 3 de outubro, e novamente no Coliseum, onde xa actuou hai dous meses nunha actuación á que asistiron máis de 7.000 persoas, na recta final de «La gira de mi vida».

Agora, tras o éxito colleitado este ano, Orozco volverá no 2026 á Coruña con «La gira de tu vida», coa que o músico barcelonés dá continuidade á súa traxectoria en directo, que o levará a diversos puntos da xeografía nacional e tamén a cidades europeas como Londres, Berlín, París e Dublín.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou que a confirmación deste concerto reforza a aposta do Goberno de Inés Rey por unha “programación cultural ampla, diversa e de calidade, que consolida a posición da cidade como atractora de grandes eventos no noroeste do país”.

Neste sentido, as entradas para o concerto de Antonio Orozco previsto o 3 de outubro do 2026 xa están á venda a través da páxina web de Emotional Events. A hora de inicio da actuación no Coliseum da Coruña está prevista para as 21.30 horas, con apertura de portas ás 19.30 horas.

Deja un comentario