Friday 12 de December de 2025

A Xunta insta ao concello da Coruña a asumir as tarefas de mantemento do Colexio Cidade Vella


— O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe xa preto de 100 actuacións nos centros da cidade cun investimento de preto de 23,3 M€

— A Consellería de Educación investiu 400.000€ en diferentes melloras neste centro

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, explicou hoxe no Parlamento que as patoloxías que presenta o Colexio Cidade Vella da Coruña resultado directo da non realización das tarefas de conservación e coidado periódicas que lle competen ao Concello, ao que instou a asumir as súas responsabilidades de mantemento.
Neste sentido, lembrou que este tipo de traballos nos colexios de Educación Infantil e Primaria son competencia municipal segundo o Acordo de Colaboración entre a Consellería de Educación e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). A competencia do Goberno galego é o mantemento do resto de centros (institutos, centros integrados de FP e conservatorios e escolas de arte de titularidade autonómica), así como realizar as grandes obras de rehabilitación.
Cómpre salientar que o Goberno galego investiu 400.000€ en diferentes melloras neste colexio coruñés, entre elas a substitución da cuberta e parte da renovación das ventás do centro.
“A falta de mantemento provoca que moitos centros acaben precisando obras de maior envergadura, agravando problemas que inicialmente serían menores”, lamentou. “No caso do CEIP Cidade Vella, ademais, tratándose dun edificio con consideración de patrimonio cultural, existe unha dobre obrigación de preservar os seus elementos característicos e culturais”, dixo.
Investimento decidido
O director xeral destacou, ademais, o firme compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas educativas na cidade da Coruña, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inclúe xa preto de 100 actuacións nos centros da cidade cun investimento de preto de 23,3M€.

Na actualidade hai obras en execución ou comprometidas por valor de 15,7 M€, das que están en obra actuacións por importe de 7,7 M€. Entre elas cómpre destacar a rehabilitación integral do CIFP Ánxel Casal (2,5M€), as melloras sectoriais e cubrición da pista do IES Salvador de Madariaga (2,1M€), rehabilitación integral do IES Plurilingüe Rafael Dieste (1,7M€), o cambio de cuberta do IES Ramón Menéndez Pidal (724.000€) e as melloras sectoriais no IES Ramón Otero Pedrayo (529.000€).

Entre as intervencións previstas para o futuro máis destacadas figuran as ampliacións do Centro Integrado de FP Paseo das Pontes e Instituto Agra do Orzán, así como a rehabilitación integral do IES Eusebio da Guarda.

Deja un comentario