Friday 12 de December de 2025

Inés Rey pon en valor os avances acadados para a integración dos peiraos urbanos na fachada marítima


A alcaldesa participou hoxe no acto de presentación do acordo para completar o traslado de Repsol a Punta Langosteira

A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte hoxe no acto de presentación do acordo para completar o traslado de Repsol ao porto exterior de Punta Langosteira, un paso clave para avanzar na integración urbana dos peiraos interiores que sigue os pasos fixados no proxecto Coruña Marítima.

No acto, celebrado esta mañá no Palexco, participaron tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o presidente de Repsol, Antonio Brufau; e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado. Ademais, tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o presidente de Puertos del Estado, Gustavo Santana.

Na súa intervención, a rexedora coruñesa destacou a relevancia do acordo, ao marcar o inicio da conta atrás para certificar a mudanza da terminal petroleira de San Diego a Punta Langosteira antes de que remate o ano 2027. A despedida de Repsol dos peiraos de San Diego estase levando a cabo por fases. Unha delas, quizais a máis icónica e recente, deixou imaxes como a demolición dos tanques de cru que durante moitos anos formaron parte da paisaxe industrial nesta parte da cidade.

Rey fixo fincapé na colaboración do Concello para axilizar os permisos urbanísticos necesarios de cara á demolición dos silos, que comezou tras a aprobación da licenza na Xunta de Goberno Local a inicios de outubro.

O porto, como sinónimo de progreso e futuro para a cidade

Esta mañá, no Palexco, Inés Rey puxo en valor a importancia do porto da Coruña na “evolución e avances” da cidade ao longo da súa historia, e lembrou a chegada do buque Valmaseda aos peiraos de San Diego a inicios do ano 1964, co desembarco do primeiro cargamento de cru destino á refinaría.
“En certa forma, aquel día marcou un antes e un despois para a industria da nosa cidade, tamén a escala galega”, dixo Rey, que destacou a relevancia que tamén tivo e ten a refinaría “á hora de crear emprego e fixar poboación e postos de traballo”, con impacto tanto para A Coruña como para os concellos da área metropolitana.
“Entón, ao igual que agora, o porto representou o espírito de progreso que identifica á nosa cidade, aberta ao mar e a todo o mundo”, apuntou a alcaldesa, que lembrou que varias semanas atrás, A Coruña foi escollida para formar parte do Consejo de Administración da Asociación Internacional de Ciudades y Puertos, en Nova York.

O traslado da actividade de Repsol a Langosteira supón tamén, na práctica, a eliminación da ría dos tráficos potencialmente peligrosos, acabando así co risco de accidentes como os acontecidos na Coruña. Dito traslado permitirá á empresa contar cunhas instalacións máis acaídas no novo enclave, perfectamente comunicado tanto coa refinaría como por ferrocarril co resto do territorio nacional, con espazo mesmo para expandir a actividade industrial.

Ademais, a marcha da petroleira da zona urbana suporá tamén a desaparición do poliducto que desde hai anos discorre baixo zonas urbanas.

Apoio a Repsol nesta fase de traslado a Punta Langosteira

Tamén hoxe, a alcaldesa trasladou á dirección executiva de Repsol o apoio e colaboración do Concello á hora de xestionar o progresivo adeus a San Diego e instalación en Punta Langosteira. “Isto supón un paso adiante que impulsa tanto á Coruña como aos concellos da área, que dinamizar o noso ecosistema empresarial e axúdanos a seguir sendo o motor económico de Galicia”, expresou Rey.

Deja un comentario