Todo a punto para a celebración este domingo da 39 carreira popular “Volta á ría-Memorial Adolfo Ros” na que se inscribiron nas diferentes categorías ata 838 participantes. A medio maratón, con saída e meta no Camiño do Regueiro, está coorganizada polos Concellos de Neda, Fene, Ferrol e Narón, municipios polos que discorrerá este 14 de decembro a proba absoluta.
A carreira, incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo, arrancará ás 10:00 horas. A saída e chegada estarán situadas na rúa Camiño do Regueiro, nas inmediacións dos accesos á AP-9 en Neda, e o percorrido será duns 21 km sobre asfalto. A organización contará coa axuda da Garda Civil de Tráfico, así como da Policía local e das agrupacións de Protección Civil dos catro Concellos promotores, para regular o tráfico ao longo do todo o itinerario e garantir a seguridade dos participantes.
O percorrido que deberán cubrir os 723 atletas apuntados na carreira absoluta (sete con algún tipo de discapacidade física) pasará polos seguintes puntos: Neda (rúa Camiño do Regueiro, avenida Alxeciras e Médico Cebreiro); Fene (avenida Conces, Cruce Igrexa, avenida das Pías), Ferrol (As Pías, avenida do Mar, rúa Telleiras, avenida de Esteiro, estrada de Caranza, avenida Mac Mahón, rúa Taxonera, rúa Irmandiños, praza de Galicia, rúa Concepción Arenal, rúa Real, praza de España, rúa Carvalho Calero, estrada de Castela); Narón (Ponte das Cabras, estrada de Castela, rotonda de Freixeiro, estrada de Castela) e Neda (ponte de Xuvia, avenida de Xuvia, Toeleira, Santa María, avenida de Alxeciras e, finalmente, rúa Camiño do Regueiro).
O itinerario estará sinalizado cada cinco quilómetros, como mínimo, establecéndose controis e postos de avituallamento nos catro municipios (quilómetros 5, 10, 15 e 20). Na proba participarán atletas, federados/as ou non, nados no ano 2007 e anteriores, establecéndose as categorías Sub 20, Sub 23, sénior, master A, B, C e D, cadeira de rodas, handbike e invidentes. O control de chegada pecharase unha hora despois de que atravese a meta o primeiro clasificado. Os participantes que sobrepasen esa hora extra deberán subir ao coche oficial que pecha a carreira e abandonar a proba coa fin de non entorpecer o tráfico automobilístico.
Carreiras de menores
Co obxectivo de potenciar a participación da rapazada, haberá carreiras con distancias inferiores para deportistas menores de idade en dous circuítos habilitados na contorna do arco de meta. Así, os Sub 18 e Sub 16, correrán tres quilómetros; Sub 14 e Sub 12, dous km; Sub 10, un km; Sub 8, 400 metros; e peques, 50 m. En total, figuran 115 persoas inscritas nestas probas que comezarán, de forma consecutiva, tan pronto como saian os atletas da carreira absoluta.
Premios
Recibirán cadanseu trofeo o gañador e gañadora da proba absoluta, os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da media maratón que sexan residentes en calquera dos catro concellos organizadores, e os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías (agás os peques que levarán todos medalla). A entrega de premios está prevista para as 13.00 horas no pavillón municipal Ale de Paz.
Retirada de dorsais
Por último, e co fin de evitar apuros de última hora, dende a organización animan aos participantes a proceder á retirada de chips e dorsais no centro cívico de Neda (rúa Xeneral Morgado) hoxe e maña sábado, entre as as 16 e as 19 horas. Non obstante, este trámite tamén poderá facerse o propio domingo, de 8:30 a 9:30 horas.
Restricións de tráfico
Para facilitar o axeitado desenvolvemento do conxunto das carreiras, o Concello de Neda informa dunha serie de restricións de tráfico. Así, o desenvolvemento da proba absoluta fará que na avenida de Xuvia, AC-115- e nas avenidas de Alxeciras e Médico Cebreiro só se poida circular en dirección Narón.
Ademais, entre as 8 e as 14 horas, cortaranse ao tráfico as seguintes vías do núcleo urbano: rúas Trovador Esquío, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Avenida de Castelao, rúa Xeneral Morgado (tramo entre Trovador Esquío e Castelao) e, por suposto, o Camiño do Regueiro. Ademais, as beiravías de todas estas rúas deberán quedar libre de vehículos.
Como alternativa á circulación, deberán tomarse as rúas Alonso Escudero e rúa Real e, como puntos de estacionamento alternativos, prevense as rúas Piñeiros, Lagareta e Valle Inclán, o lugar Fábrica Labora e máis as inmediacións do pavillón municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.