Friday 12 de December de 2025

Od(i)osa, a danza teatral que lembra a loita das mulleres da conserveira Odosa, chega á Pobra


· A obra, que terá lugar o domingo 14 de decembro, está organizada pola área de Cultura da Deputación en colaboración co Concello.

A compañía Proxecto Morriña traerá á Pobra do Caramiñal a súa función de teatro-danza Od(i)osa. O espectáculo, no que se mestura a dramaturxia e o baile, busca promover e recuperar a memoria das mulleres galegas que lideraron, no ano 1989, a folga da extinta conserveira Odosa. Será este domingo, 14 de decembro, no Teatro do Cine Elma (ás 19.00 horas).

O obxectivo desta compañía feminina é recuperar este anaco da memoria galega mediante a súa arte. Nesta ocasión, A Pobra acollerá o seu último proxecto, co que poñen en valor a valente acción das case 100 traballadoras que loitaron polos seus dereitos laborais e contra a discriminación sistemática que levaban sufrindo desde había 40 anos na fábrica da illa de Arousa.

Od(i)osa contará cun apoio audiovisual real que permitirá reforzar a mensaxe que as catro actrices transmitirán coa coreografía: dous audios do telexornal da época.

Esta actividade, da que se poderá gozar de balde, enmárcase na programación do Outono Cultural 2025, desenvolta pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal.

Deja un comentario