Friday 12 de December de 2025

O Concello de Ribeira solicita a Correos a cobertura da praza do carteiro en Carreira


 A alcaldesa remitiu unha carta formal ao organismo

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, remitiu unha carta a Correos para solicitar a cobertura do carteiro ordinario que traballaba na parroquia de Carreira. Se ben existe o reparto de paquetería, a entrega da correspondencia está actualmente adscrita á carteira de Aguiño, “un feito que está a xerar atrasos na recepción das misivas provocados pola acumulación de traballo ante a ausencia dunha persoa que cubre a vacante de Carreira.”

Ante un mundo cada vez máis dixitalizado, a rexedora indicou que “esta parroquia está composta principalmente por xente maior, para as que o correo tradicional segue a ser de vital importancia na súa vida diaria”, o cal motiva que “é o meu deber velar polo dereito que teñen todas as persoas do meu municipio a desfrutar dos mesmos servizos.”

Deste xeito, a mandataria local incidiu na importancia de que o organismo reconsidere a súa decisión e cubra a vacante cunha persoa que reparta o correo ordinario de maneira asidua para restablecer un servizo básico.

Deja un comentario